Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo pide que “se o goberno inviste máis de 370.000 euros na herba do campo da Veiga, que reparta o resto do remanente en asuntos con igual ou maior necesidade”

CERVO, 2 DE ABRIL DE 2014. Os socialistas de Cervo, tras coñecer a proposta da alcaldía para utilizar unha parte do remanente positivo de tesourería de 2013, uns 378.816,87 euros, na obra de conversión do céspede do campo municipal da Veiga de herba natural a artificial, pídenlle ó equipo de goberno explicacións sobre “en qué teñen pensado investir o resto deste remanente, 1.147.000 euros”.

Nesta mesma liña, subliñan que “hai moitas necesidades que deberíamos cubrir dende o Concello, esperamos que o remanente se reparta de maneira xusta entre todas esas necesidades. Agora ben, queremos saber de primeira man o que teñen pensado facer coa maior celeridade posible”.

Con todo, os membros do Grupo Municipal Socialista engaden que “nos abstivemos á hora de votar esta proposta da alcaldía porque consideramos que o Campo de fútbol da Veiga ó ser municipal debe e ten que ser atendido polo Concello. Iso sí, se este equipo de goberno houbera xestionado como debía o mantemento destas instalacións a día de hoxe a súa situación sería ben distinta. Se están dispostos a investir máis de 370.000 euros neste asunto, esiximos que atendan outras moitas necesidades coa mesma ou maior implicación”.

Cambios para o destino do remanente
Dende o GMS apuntan que “esta obra plantexada en pleno ven precedida da aprobación do Real Decreto-ley 2/2014, de 21 de febrero, baixo o seguinte enunciado: “por el que se adoptan medidas urgentes para reparar los daños causados en los dos primeros meses de 2014 por las tormentas de viento y mar en la fachada atlántica y la costa cantábrica”. O Decreto inclúe tamén unha Disposición Adicional decimosexta sobre Inversións financieramente sostibles. Este texto vén facer unha modificación do texto refundido da Ley Reguladora de Facendas Locais e abre pola porta de atrás, a posibilidade de realizar certas inversións co remanente dos Concellos baixo un título enganoso”.

Iso sí, ditas inversións só se poden realizar dentro duns epígrafes que recolle a propia Disposición Adicional, como Grupos de Programas Presupostarios, “o que nos chama poderosamente a atención é que tendo en conta a situación socio-económica que vivimos, non se contemple ningún epígrafe como fomento do emprego ou cobertura social”.

Os socialistas de Cervo lembran que “o noso Concello lidera o ranking de maior número de parados en A Mariña dentro dos municipios de menos de 5.000 habitantes e mantén o terceiro posto comparado con concellos de 10.000 e 15.000 habitantes. Os cartos do remanente irían moi ben destinados a cubrir esta situación de alarma que viven moitos cervenses”.

Insisten en que o equipo de goberno é incapaz de loitar ou propoñer iniciativas para dar volta a estas cifras, “cando falamos de pobreza xa non só pensamos no Terceiro Mundo, moitos veciños e veciñas perderon o emprego ou os seus salarios seguen a ser os mesmos que hai anos, iso sí, teñen que pagar fármacos, teñen que pagar comedores escolares, teñen que pagar máis pola luz, teñen que pagar máis pola compra, en definitiva, están a facer verdadeiros esforzos por chegar a fin de mes. Dende a administración local non se está a facer nada por reducir estas cifras de desemprego nin evitar estas situación, sería ésta unha boa posibilidade”.

A pesares de non poder investir no máis importante, o fomento do emprego e a cobertura social, resaltaron epígrafes que contempla o Real Decreto-ley tales como “poderíanse mellorar os servizos en saneamento, abastecemento e distribución de augas; recollida, eliminación e tratamento de residuos, alumeado público ou industria, impulsando o Polígono Industrial. Por non falar do fomento do noso comercio ou a promoción turística, sectores clave na economía do Concello, a formación, actuacións de mantemento nos colexios e nas súas instalacións que se viron afectadas polos temporais, a conservación e mantemento dos camiños veciñais ou a protección do Patrimonio Histórico-Artístico, temos a sorte de disfrutar do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos e non facemos nada por explotalo”.

Os socialistas remataron que “son moitas as accións nas que o noso goberno podería investir o remanente positivo do ano 2013. Se decide gastar máis de 370.000 euros nun campo de fútbol, agardamos que distribúa equitativamente o diñeiro restante. Agardamos unha resposta clara, xusta e axeitada”.

Exit mobile version