Site icon Crónica3.com A Mariña

Os atascos de camións en San Cibrao poñen en evidencia que é “urxente” contar cuns accesos ao polígono

Cervo, 22 de abril de 2014- A delegación de Seguridade Cidadá informou este martes do incidente dun camión de grande tonelaxe que viaxaba con destino ao polígono de Cuíña e que quedou atrapado no faro de punta Atalaia, onde tivo serios problemas para dar a volta e saír. Un axente da Policía Local, que se atopaba de patrulla, acudiu a axudalo.

Este é o segundo caso en menos dunha semana no que un camión ten dificultades para acceder ao polígono de Cuíña. Hai dous días foi outro vehículo de grande tonelaxe o que tentou entrar ao parque empresarial pola estrada de Espiñerido, quedando atrapado nunha pequena ponte. Unha situación que se produce constantemente en varios lugares de entrada a San Ciprián. Outro é unha curva pronunciada que existe na ponte sobre a vía do tren, en San Ciprián, ao pasar o colexio.

Desta maneira, casos como o deste martes “poñen en evidencia que necesitamos de forma urxente os accesos ao polígono”, asegura o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto. “A Deputación non pode retrasar máis esta obra, que uniría a estrada N-642 co polígono sen que os camións teñan que pasar en ningún momento por diante do colexio de infantil e primaria, do instituto de secundaria e, en definitiva, polo núcleo urbano de San Ciprián”, engade. O concelleiro lembra que na actualidade non hai ningunha vía que permita a entrada de camións de grande tonelaxe sen pasar obrigatoriamente por San Ciprián, o que implica problemas de tráfico e seguridade viaria.

Dende o Concello anuncian que colocarán máis sinais de tráfico para indicar o polígono, “pero iso non soluciona o problema de base”. “A Deputación ten que asumir a súa responsabilidade e entender dunha vez que necesitamos uns accesos reais, preparados para camións de grande tonelaxe, que non pasen polo núcleo urbano, que sexan directos, que faciliten o tránsito de mercancías e que potencien o asentamento empresarial”.

Exit mobile version