Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas censuran a defensa de Feijóo e Quintana do reparto da cota de xarda e xurel, prexudicando á flota de cerco galega

Santiago, 08 de abril de 14. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, defendeu hoxe no Pleno da Cámara Autonómica unha moción pola que se instaba ao Goberno galego a rexeitar o modelo de reparto da cota de xarda e de xurelo, aplicado polo Goberno do Estado para 2014.

Val recriminou ao presidente Feijóo e á conselleira Quintana a “falta de peso respecto do Goberno de Madrid e do seu propio partido”. Acusounos de defender criterios históricos, lesivos para o sector galego. Non entende Val que ambos dirixentes, “podendo liderar un cambio de modelo, apoiasen os criterios da Secretaría Xeral do Ministerio, que non é xusto”.

O reparto, explica o deputado socialista, baséase na concesión do 50% da pesca ao País Vasco e o resto a repartir pola restante flota das outras tres comunidades do Cantábrico. A Galicia correspondéronlle 3400 Tm., o 25% da cota se sumamos o aumento de cota logo do acordo con Noruega e Illas Feroe. “Cómo cree que pode sobrevivir un barco con 10 pescadores a bordo con 8000ou10000 quilos ao ano?”, preguntou José Ramón Val.

Segundo José Ramón a posición da Xunta é inexplicable, porque Feijóo e Rosa Quintana eran e son “coñecedores de que a influencia dos criterios históricos cun peso 70%, somente favorece ao País Vasco”, pero tamén sabían que os bancos destas especies migratorias chegaban á costa cando a cota estaba rematada e non se podían pescar, “por esta razón non temos dereitos históricos”.

José Ramón Val esixiu a Feijóo e á conselleira responsabilidade diante dos intereses dos que os elixiron. Que a Xunta defenda diante do Executivo estatal un novo modelo para os anos vindeiros, onde preferentemente se teña en conta como criterio fundamental o número de tripulantes por embarcación, de xeito que a distribución da totalidade da cota asignada pola UE o noso estado se faga de xeito lineal, como se acordou para a flota de arrastre xa neste ano.

O modelo de total anual de capturas (TACs) e cotas da Unión Europea, baseado nun principio de estabilidade relativa é prexudicial para os intereses da flota galega. Val acusou ao presidente galego e á conselleira do Mar de perder a oportunidade de cambialo e de facer o contrario do que lle din ao sector. “Cando se reúnen co sector rexeitan a estabilidade relativa de Bruxelas e anuncian accións contra ela, logo impoñen un criterio semellante en Madrid para a cota da xarda”, reprochoulles o deputado socialista.

O socialista esixiu na súa moción que o Goberno rexeite estes criterios e se busque un modelo no que as posibilidades de pesca da nosa flota se adapten realmente ao estado do recurso.

O parlamentario do PSdeG solicitou tamén a revisión do pagamento da sanción por sobrepesca, con excedente de cota doutras especies ou con contrapartida económica de xeito que permita poñer a disposición do sector 7000 toneladas adicionais.

Finalmente censurou a falta de miras do PPdeG, que votou en contra da moción. “Os prexudicados non son o PSdeG ou a Oposición, son as familias afectadas, os milleiros de persoas que viñeron manifestarse, que saíron á rúa para reclamar xustiza, e aos que vostedes (o Partido Popular) responderon con prepotencia”.

Exit mobile version