Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas da Mariña organizan a charla-coloquio “A reforma da Lei do Aborto a debate”, que supón o maior retroceso para os dereitos da muller de toda a democracia

A MARIÑA, 23 DE ABRIL.- O Partido Socialista da Mariña organiza este xoves -24 de abril-, a petición da executiva de Burela, a charla-coloquio “A reforma da Lei do Aborto a debate”. A coordinadora comarcal –Mayra García- subliña que o encontro dá continuidade á campaña emprendida polo PSOE en todos os Concellos, a través da moción presentada en contra do anteproxecto por ser lesiva para as mulleres e supoñer un menoscabo dos seus dereitos.

Neste senso, a coordinadora comarcal subliña que “cremos necesaria a celebración deste encontro porque se trata do maior retroceso para os dereitos da muller de toda a democracia. Unha vez máis, o Partido Popular decide lexislar a golpe de BOE a moralidade das mulleres, converténdonos nunhas meras xestadoras”, afirma.

“Unha verdadeira involución”
O pasado día 20 de decembro o Goberno Central decidiu presentar no Consello de Ministros o anteproxecto desta normativa, cumprindo así a ameaza que durante estes dous anos de goberno pronunciaba para acender ás súas bases. Deste xeito, o Partido Popular volveu empregar a súa maioría no Congreso para levar a España a “unha verdadeira involución”, que sitúa a este país entre as rexións que están á cola en dereitos femininos relativos ó aborto. Só Irlanda e Malta teñen leis semellantes á do Ministro de Xustiza. A normativa, destaca a socialista, “devolve á clandestinidade ás mulleres, fomentando a mortalidade polo proceso do aborto e introducindo fendas económicas entre as mulleres en precariedade económica que volverán abortar en sotos insalubres”.

“Non permite a decisión da muller”
O anteproxecto presentado “non permite a decisión da muller sobre o seu corpo e vida en ningún suposto”. Fronte á Lei de prazos de 2010, onde as mulleres dispoñían de 14 semanas dende a xestación para decidir se querían seguir adiante co embarazo, a lei do Partido Popular elimina o dereito da muller a decidir se quere interromper a xestación.

E é que a normativa só recoñece dous supostos para poñer fin ó embarazo: o risco para a saúde psíquica e física da nai ou que este sexa froito dunha violación. Non obstante, ademais de esquecer o dereito da muller a decidir, nin sequera se recoñece o aborto por malformación, enfermidade incurable, ou anomalía fetal incompatible coa vida.

“Endurecemento do proceso administrativo”
Ademais, “endurécese o proceso administrativo para abortar nun claro intento para demorar a decisión”, e así quedar fóra do prazo legal. O suposto de aborto por violación poderá executarse só nas doce primeiras semanas e previa denuncia da agresión, deixando á marxe a condición de vítima da muller violada, e esixíndolle unha celeridade inusual esquecendo as connotacións sociais da vítima.

No outro suposto contemplado para abortar, para probar que hai un risco psíquico ou físico para a nai, deberase acreditar un informe médico de dous facultativos, diferentes aos que vaia practicar o aborto e que nin sequera traballen no mesmo centro onde se practique. Asemade, unha vez avaliado e permitido, o traballador social entregará un informe á muller obrigándoa a un período de reflexión de 7 días. Este proceso administrativo supón outra traba que dificulta a posibilidade de estar dentro do prazo legal.

Desenvolvemento do coloquio
A charla-coloquio, que se celebrará no Salón de Conferencias de Burela, dará comezo ás 20:30 horas, e será moderada por Mayra García. A presentación correrá a cargo do secretario xeral do PSdeG-PSOE burelés –Ramiro Fernández- e, como relatores, participarán a deputada provincial –Sonsoles Sánchez Izquierdo- e o médico-xinecólogo –Cristóbal Garfia-.

A executiva provincial presente na homenaxe a Melchor
Asimesmo, a socialista tamén confirma que o secretario provincial e deputado autonómico –Juan Carlos González Santín-, acompañado doutros membros da executiva, participará no “merecido” acto de homenaxe a o ex alcalde de Viveiro –Melchor Roel-, organizado por Comisións Obreiras para este venres, e que está previsto para este venres, ás 19:30 horas, no Teatro Pastor Díaz da localidade viveirense.

Exit mobile version