O rexedor dixo que “se non hai ningún motivo que o impida durante a próxima semana está previsto que dean comezo as obras de retirada dos restos do faro da Pena Burela que, como se sabe, resultou practicamente destruído nos temporais que azoutaron a nosa costa polo Antroido. Tal e como estaba previsto estas obras foron adxudicadas no seu día pola Autoridad Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que é a competente na materia, por un importe total de 56.000 euros, IVE incluído”.
González Barcia explicou que “as obras consisten primeiro en estabilizar os restos que hai actualmente na pena para que non caian ao mar; o segundo paso sería o torado dos restos, que teñen unha base de aproximadamente 4 metros por unha altura de 6, estímase entre dez e doce anacos; e despois xa, a terceira fase, sería a retirada cara a porto deses toros para levalos a un xestor de residuos autorizado e poder así eliminalos”.
O alcalde burelés indicou que “está previsto que as obras se inicien para a próxima semana e se o mar deixa traballar con normalidade prevese que a retirada dos restos estea completamente rematada practicamente durante as festas de Burela, de xeito que na procesión marítima estea xa colocada a nova baliza metálica de 5 metros de alto que, con carácter provisional, se vai instalar na Pena Burela mentres non se elabora o proxecto e non se constrúe o novo faro que, como se sabe, preténdese que sexa practicamente igual ao que existía ata este momento”.
José Mª González Barcia subliñou que “deste xeito vanse cumprindo os prazos que tíñamos en mente tanto o Concello de Burela, por un lado, como a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, por outro, e que eran evidentemente coincidentes porque neste caso convén destacar sempre a impecable coordinación que houbo e que está habendo entre as dúas administracións e tamén destacar o compromiso da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao con esta actuación”.
O alcalde adiantou que “teño prevista unha reunión, a finais deste mes ou a principios de maio, co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Vilariño, para, entre outras cousas, ver como está nese momento a tramitación do novo faro de Burela. Cónstame que por parte da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao se teñen solicitado ofertas a consultorías de enxeñería e de arquitectura para ver canto pode importar a elaboración do proxecto de obra e seguro que nesa reunión algo poderemos avanzar ao respecto; e poderemos ir tamén, ao mesmo tempo, revisando quizais os prazos de cara ao futuro para chegar a construír o novo faro de Burela, que queremos que sexa practicamente igual ao que existía”.
O rexedor engadiu que “o Concello está a estudar a posibilidade de quedarse cun dos toros do faro destruído para situalo na rotonda de acceso ao porto de Burela. Sería unha forma de renderlle tributo a un elemento fundamental para a seguridade da navegación marítima e para a seguridade na entrada ao porto burelés”. Tamén o IES Monte Castelo amosou o seu interese en facerse con outro anaco do faro da Pena Burela.