Site icon Crónica3.com A Mariña

Sete concellos da Mariña, catro do PP, non respaldaron a Lei do Aborto de Gallardón

Burela, 24-4-14.- Un total de sete concellos da Mariña –Barreiros, Burela, Cervo, Foz, A Pontenova, Ribadeo e Viveiro- non respaldaron a Lei do Aborto impulsada polo Goberno do Partido Popular, a través do Ministro de Xustiza –Alberto Ruíz Gallardón-. Este é o resultado da moción presentada polos socialistas nos municipios da comarca e que foi dado a coñecer este xoves na charla-coloquio “A reforma da Lei do Aborto a debate”, organizada polo PSOE, a instancias da agrupación de Burela.

Con este encontro, no que ademais dos deputados provinciais –Sonsoles López e Alfredo Llano-, o deputado autonómico –José Ramón Val-, o xinecólogo –Cristóbal Garfia-, a coordinadora do PSdeG mariñano –Mayra García-, o secretario xeral da agrupación burelesa –Ramiro Fernández- participaron outros voceiros do Partido da comarca, os socialistas dán continuidade á campaña emprendida en contra desta normativa, dende que o pasado día 20 de decembro o Goberno Central presentou no Consello de Ministros o anteproxecto. Concretamente, o PSOE demandou en nove municipios o apoio do Partido Popular para solicitar ao Executivo estatal a retirada de dita normativa, ao ser lesiva para as mulleres e supoñer un menoscabo dos seus dereitos.

Deste xeito, nos concellos nos que se someteu ao debate do Pleno a proposta socialista, tan só dous votaron en contra. Foron Lourenzá e Trabada. Pola contra, o Partido Popular abstívose en Foz e Viveiro. Neste último caso, a iniciativa prosperou logo do visto e prace do equipo de goberno.

Polo que respecta ao resto da provincia, o PP opúxose á moción noutros dez concellos: Baralla, Becerréa, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Quiroga, Sarria, Sober, e Vilalba. Asimesmo, abstívose en Lugo, Monforte, Pol e Ribas de Sil.

“Un dereito despenalizado”
Coa entrada en vigor desta normativa, tal e como indicou Mayra García, interromper o embarazo deixa de ser un dereito da muller; dereito que existe só dende 2010, e que “volverá a ser un delito despenalizado en certos supostos”, como o era coa Lei de 1985. E é que os supostos redúcense, e a posibilidade da muller de acollerse a eles tamén se restrinxe. Só hai dous: violación e grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica. Esta circunstancia implica que, a partir de agora, serán, de novo, os médicos os que decidirán se o perigo existe.

Por este motivo, os participantes calificaron a norma de “vergoñenta, pois augura unha maior aparición de mortes por abortos na clandestinidade. A este respecto, a deputada provincial subliñou que “o que pretende o Partido Popular é aniquilar o noso dereito a decidir, é un ataque esnaquizador”.

Análise da Lei
O pasado día 20 de decembro, o Executivo Central decidiu presentar no Consello de Ministros o anteproxecto desta normativa, empregando así a súa maioría no Congreso para levar a España a “unha verdadeira involución”, e que sitúa a este país entre as rexións que están á cola en dereitos femininos relativos ao aborto. Só Irlanda e Malta teñen leis semellantes á do Ministro de Xustiza; normativa que atenta contra a integridade física e psíquica das mulleres (artigo 3 da Carta Europea), desprotexe a dignidade humana (artigo 1) e non respeta a vida privada e familiar (artigo 7) do sector feminino.

E é que, fronte á Lei de prazos de 2010, onde as mulleres dispoñían de 14 semanas dende a xestación para decidir se querían seguir adiante co embarazo, agora o Partido Popular elimina o dereito da muller a decidir se quere interromper a xestación.

Ademais, endurece o proceso administrativo para abortar nun claro intento para demorar a decisión, e así quedar fóra do prazo legal. O suposto de aborto por violación poderá executarse só nas doce primeiras semanas e previa denuncia da agresión, deixando á marxe a condición de vítima da muller violada, e esixíndolle unha celeridade inusual esquecendo as connotacións sociais da afectada.

No outro suposto contemplado para abortar, para probar que hai un risco psíquico ou físico para a nai, deberá acreditarse un informe médico de dous facultativos diferentes aos que vaia practicar o aborto, e que nin sequera traballen no mesmo centro onde se practique. Asemade, unha vez avaliado e permitido, o traballador social entregará un informe á muller obrigándoa a un período de reflexión de 7 días. Este proceso administrativo supón “claramente” outra traba que dificulta a posibilidade de estar dentro do prazo legal.

Exit mobile version