Site icon Crónica3.com A Mariña

Trinta veciños de Cervo recibiron consellos de alimentación no Servizo de Asesoramento Nutricional

Cervo, 28 de abril de 2014- Unha trintena de persoas foron atendidas dende o mes de xaneiro no Servizo de Asesoramento Nutricional que ofrece o Concello de Cervo de forma permanente na Casa da Cultura de San Cibrao, na piscina municipal de Lieiro, no Ecomuseo de Cervo e tamén nas parroquias.

As principais consultas que realizan os usuarios están relacionadas coa alimentación máis axeitada en diferentes enfermidades, aínda que tamén hai persoas que acoden interesadas en recibir asesoramento para o control de peso así como a alimentación recomendada para deportistas.

En canto ao perfil do usuario, é o dunha muller de entre 30 e 40 anos e tamén a partir de 50 anos, aínda que en xeral hai persoas dende os 25 anos en diante, homes e mulleres, preocupados pola súa saúde en temas nutricionais. En moitos casos, a especialista fai un seguimento continuado para controlar os avances dos usuarios mentres noutros é abondo cunha única sesión na que resolven todas as súas dúbidas.

Cabe destacar que o servizo é personalizado, polo que a especialista ofrece consellos e información adaptada a cada caso, atendendo ás súas necesidades e ás situacións concretas.

De forma complementaria, estanse ofrecendo periodicamente charlas relacionadas con diferentes asuntos nutricionais. As primeiras impartíronse entre os meses de decembro e febreiro para dar a coñecer o servizo, mentres ao longo do mes de marzo, a especialista estivo dando información sobre os superalimentos e os falsos mitos na nutrición. De feito, hoxe mesmo vanse ofrecer as últimas charlas de marzo, ás 18 horas na Escola de Castelo e ás 19 h. no local social da Senra.

Horarios
Todas aquelas persoas que desexen acudir ao Servizo de Asesoramento Nutricional deben saber que poden achegarse ata a Casa da Cultura os luns de 9 a 13:30 e de 17 a 19:30 así como os martes, mércores e venres de 9 a 13:30 h. e os xoves de 9 a 13:30 e de 18:30 a 20 h; na piscina de Lieiro os martes e mércores de 17 a 19:30 h.; e no Ecomuseo de Cervo os xoves de 16 a 18 h. En canto ás parroquias, o servizo ofrécese con cita previa na Escola de San Román, na de Rúa e no local social de Trasbar.

Exit mobile version