Site icon Crónica3.com A Mariña

Uns 50 escolares do colexio de San Cibrao visitaron o Punto Limpo no Mes do Medio Ambiente

punto_limpoCervo, 24 de abril de 2014.- Uns 50 nenos e nenas de 3º a 6º de primaria do CEIP Cervo nº1, situado en San Cibrao, coñeceron o mediodía deste xoves o Punto Limpo, no polígono de Cuíña. O alumnado participou nunha visita guiada por esta instalación, deténdose en cada contedor e escoitando as explicacións dos técnicos sobre o tipo de residuos que se deben depositar en cada un deles.

Ademais, os traballadores fixeron fincapé na necesidade de coidar e protexer o medio ambiente, e a importancia que ten utilizar o Punto Limpo para desfacerse daqueles residuos que polas súas características, pola súa natureza contaminante ou polo seu volume, non se poden botar aos colectores tradicionais.

Da mesma maneira, o Concello explicoulles que o Punto Limpo é o único lugar onde deben acabar eses tipos de residuos, e nunca tirados nas rúas ou en calquera espazo público onde se crean vertedoiros incontrolados. Os escolares tamén recibiron algunha noción sobre o funcionamento da instalación, coñecendo, por exemplo, que todos os residuos depositados alí foron levados por veciños, que se clasifican nos 28 colectores diferentes e que son recollidos por xestores autorizados.

A edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, acompañou ao alumnado na visita e destacou que “es muy importante trabajar en la concienciación medioambiental desde la infancia con actividades en las que visualicen los beneficios de cuidar el entorno o los problemas que causa no hacerlo”. Alonso destaca tamén que “los niños tienen una gran capacidade para influir en los mayores y hacerles cambiar de actitud. Así, si ellos están concienciados, cuidarán el medio ambiente y y harán que todos lo cuidemos”.

Cabe lembrar que o martes que vén serán os nenos e nenas do colexio de Cervo os que visiten o Punto Limpo. Esta será a última actividade que se desenvolva no Mes do Medio Ambiente, que o Concello celebra en abril. Ao longo destas semanas a administración local ofreceu charlas sobre separación de residuos, colaborou na recollida de plásticos na praia de Rueta, organizou o IV Concurso de fotografía medioambiental “Cervo respecta” e estas visitas ao Punto Limpo.

A edil quixo agradecer e recoñecer “la excelente labor pedagógica que realizan los centros escolares del municipio y su profesorado en temas medioambientales” así como “la buena acogida que han tenido en la comunidad escolar las visitas al Punto Limpio, al igual que otras actividades que son posibles a través de su colaboración”.

Información aos usuarios
O Punto Limpo está situado no polígono de Cuíña. Permanece aberto os martes e xoves de 8 a 15 horas. Para resolver calquera dúbida poden contactar co Concello no 982 55 77 77.

Exit mobile version