Site icon Crónica3.com A Mariña

Varela anuncia que pedirá no Senado o mantemento dos partidos xudiciais, pois a súa supresión aumentará o despoboamento e a vulneración da defensa dos dereitos dos lucenses

LUGO, 14 DE ABRIL.- O senador lucense –Ricardo Varela- anuncia que vén de presentar este luns unha iniciativa na Cámara Alta para esixir ao Goberno Central o mantemento dos partidos xudiciais existentes na actualidade na provincia, así como a derogación do anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial aprobado polo Consello de Ministros, e que modificará por completo o mapa actual da xustiza, ao substituír os partidos xudiciais por novos entes que pasarán a denominarse tribunais provinciais de instancia.

E é que, segundo esta normativa, a provincia que, na actualidade conta con 9 circunscripcións, quedaría só coa da capital, que absorbería todos os casos da provincia; en total, máis de 36.000. Neste senso, o socialista subraia que “non podemos permitir que se produza tal recorte en Lugo. Somos unha das rexións de España co maior número de núcleos de poboación dispersados xeograficamente, polo que, estamos convencidos, de que os que van a pagar as consecuencias de eliminar estas demarcacións son os cidadáns e os profesionais da xustiza.”

Deste xeito, Ricardo Varela incide na “grave repercusión” que terá para a provincia a entrada en vigor desta lei, e que só provocará “un aumento do despoboamento e de que as nosas aldeas queden baleiras e sen xente”. O socialista destaca o factor poboacional, pois, segundo o INE, coas novas aldeas abandonadas, a Comunidade suma xa máis de 1.300 núcleos despoboados, dos que 910 están a punto incluso de desaparecer rexistralmente. A estes datos, hai que engadir “o feito alarmante” de que máis de 700 aldeas contan cun único habitante. Destas, máis de 300 corresponden só á provincia de Lugo.

Así mesmo, afirma o senador socialista, esta realidade, co novo mapa xudicial, “collerá un cariz moito peor” nos vindeiros anos, pois os traballos de evolución demográfica de Galicia realizados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) alertan de que de cada dez mozos galegos, dentro de nove anos só haberá seis. “É dicir, se tomamos estes datos como referencia, e lles engadimos que Gallardón xa privatizou o rexistro civil para darllo aos rexistradores da propiedade, agora, con este anteproxecto, o ministro, nunha nova volta de tuerca, emprende un novo ataque discriminatorio a outro servizo público necesario para unha provincia como a de Lugo”.

Por tanto, este mapa demográfico-poboacional, unido á falta de todo tipo de planificación e medidas por parte dos Gobernos do Partido Popular para aminorar tanto os efectos do progresivo despoboamento das áreas rurais como do avellentamento “póñennos ante un gravísimo problema, que está sendo infravalorado e terá incidencia directa e inmediata na previsible evolución negativa do rural, así como nos recursos humanos que precisan as empresas e a actividade económica en xeral”.

Aumento notable de custos
Asó mesmo, coa supresión dos partidos xudiciais, tamén se incrementarán “notablemente” os custos para os cidadáns afectados, de tal xeito que tamén se “vulnera claramente” a defensa dos dereitos dos cidadáns e o acceso a unha tutela xudicial efectiva como indica o artigo 24.1 da Constitución Española.

Deste xeito, segundo o modelo do Goberno, o 60% da poboación lucense tería desprazamentos de máis dunha hora ao partido xudicial; o que provocará que, os concellos nos que se sitúan os actuais, perderán, ademais, o seu “status xudicial”. E é que eliminar estas demarcacións, subraia o senador socialista, “é unha contradicción coa realidade social de Lugo”.

Iniciativas dos socialistas na provincia
Neste seno, con esta iniciativa, Ricardo Varela pretende dar continuidade as medidas anunciadas a semana pasada polo secretario provincial e deputado autonómico –Juan Carlos González Santín- ante o que supón “un novo recorte doutro servizo público”, e que inclúen a presentación de mocións nos 67 Concellos e no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno Central ao mantemento de todas as demarcacións. Precisamente, o Grupo do PSOE xa rexistrou a semana pasada estas propostas na Cámara galega.

Exit mobile version