Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación e FAPACEL analizan as “nefastas consecuencias” que traerá a implantación da LOMCE no curso 2014-2015

Lugo, 26 de abril de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, e o delegado de Cultura e Ensino da institución provincial, o nacionalista Mario Outeiro veñen de manter unha xuntanza con Elvira Lombao, en representación da Federación Provincial de APAs de Lugo (FAPACEL), para analizar as “nefastas consecuencias” que traerá consigo a implantación LOMCE no vindeiro curso escolar 2014-2015.

A nova Lei de Educación entrará en vigor en setembro deste ano para os cursos de 1º, 3º e 5º de Educación Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, o que obrigará ao estudantado destes niveis a adquirir manuais adaptados anos novos decretos de ensinanzas mínimas. “Algo que – segundo precisou Mario Outeiro – unido ao recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio respecto ao ano anterior, pode provocar que unha parte do alumnado non poida acceder aos manuais necesarios para seguir as clases con normalidade”.

Dende a FAPACEL defenden que non é un problema de prioridades das familias, como afirma o ministro de Educación cando se cuestionan os recortes nas axudas sociais á educación. É un problema de dereitos e, por tanto, é o titular de Educación quen debe ter como prioridade garantir ese dereito.

Así o entende tamén o Defensor do Pobo, que nun informe emitido recentemente denuncia que o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos e todas a estes estudos, e considera por iso que dito carácter gratuíto debería facerse extensivo aos libros de texto ou material didáctico utilizados para cursar os referidos niveis, o que esixe medidas que fagan posíbel o acceso do alumnado aos mesmos sen ningún custo.

Neste sentido, Antonio Veiga lembrou que “o curso pasado xa se produciu unha diminución moi significativa de receptores das axudas para a compra de libros de texto, que pasaron de tres a dous millóns de alumnos e alumnas. Así mesmo, houbo unha redución das contías, tanto das achegas do Estado español como na Galiza, cuxa suma pasou de 250 millóns a 166, un 35% menos que o ano anterior. Precisamente iso acontece cando máis urxente era que esas cantidades se incrementasen, dadas as necesidades das familias pola crise económica”.

Tanto dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo como dende a FAPACEL entenden que o carácter gratuíto do ensino nos niveis educativos obrigatorios constitúe un instrumento dirixido a garantir o acceso de todos a tales estudos, e considera por iso que o devandito carácter gratuíto debería facerse extensivo aos libros de texto ou material didáctico utilizados para cursar os referidos niveis, o que esixe medidas que fagan posíbel o acceso de alumnos e alumnas a estes sen ningún custo; cuestión que aparece recollida na Constitución vixente.

Exit mobile version