Site icon Crónica3.com A Mariña

Xa hai máis de 300 inscritos na homenaxe a Nardo Martínez que organiza Mulleres de San Ciprián

San Cibrao, 28 de abril de 2014.- Segundo deu a coñecer este luns a asociación de Mulleres de San Ciprián xa hai máis de 300 inscritos na homenaxe que este colectivo organizou para o vindeiro domingo, 4 de maio, na praza dos Campos de San Cibrao.

Desde a asociación impulsora desta iniciativa, á que se sumaron ata once colectivos distintos, queren dar as grazas pola espectacular acollida e lembran que aínda é posible sumarse para participar neste acto de recoñecemento a un veciño excepcional: Nardo Martínez.

De feito aqueles que queiran participar poden aínda adquirir as súas tarxetas, que están á venda a prezo de 25 euros, e que poden ser retiradas na Casa da Cultura.

NARDO MARTÍNEZ UN VECIÑO EXEMPLAR
Mulleres de San Ciprián asegura que o pobo da que se coñece como Península da Paz recoñece a un veciño exemplar e colaborador fiel e incansable de todo tipo de iniciativas culturais, deportivas e sociais.
Salientan o papel esencial exercido por Nardo Martínez que, con gran esforzo e vontade de colaboración, xa sexa a título particular ou a través da súa empresa (un taller mecánico) foi peza esencial para impulsar actividades de gran relevancia como os carnavais, as cabalgatas, unha multitude de acontecementos deportivos e culturais, exposicións, patrocinios, sempre dun xeito altruísta e desinteresado.

De feito, volven a lembrar que son doce os colectivos que se unirán neste homenaxe, cada un dos cales teñen razóns máis que dabondo para impulsar este agradecemento.

Ás Mulleres de San Ciprián súmanse outras asociacións como os Arroutados, o Club Náutico, Amigos da Maruxaina, o colectivo cultural A Sombriza e o da Península da Paz, as asociacións de Veciños Cruz da Venta e a de Lieiro, o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), a asociación Cultural As Espalladoras, a de xubilados Terra Mar ademais da asociación de comerciantes.

AMPLO PROGRAMA
Para o primeiro domingo de maio, a organización estableceu un amplo programa comezará cunha sesión vermú que servirá de preludio ao xantar na carpa que estará situada na praza dos Campos da localidade, e que servirá un Restaurante local, seguido dun baile final, ademais do correspondente discurso do persoeiro agasallado.

Exit mobile version