Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura colabora coa organización do certame de debuxo “Os instrumentos da música tradicional galega”

r20140522_114739Lugo, 22 de maio de 2014.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou esta mañá no salón de actos do Pazo de San Marcos, xunto a Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola, a segunda edición do certame de debuxo “Os Instrumentos da Música Tradicional Galega”, unha iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa área de Cultura da Deputación.

A finalidade desta actividade, dirixida a arredor de 2.000 nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino do Concello de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.

Neste senso, Mario Outeiro explicou que “dende a área de Cultura da Deputación coidamos imprescindíbel e necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural. Por iso, é de agradecer iniciativas coma esta que desenvolve a Tradescola, alén das súas aulas, colectivo que está a levar a cabo un gran labor a prol da nosa tradición musical, símbolo da nosa identidade como País”.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos que busca a formación integral para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. “A maiores, e coa intención de complementar a formación do alumnado, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste I Certame de debuxo ‘Os Instrumentos de Música Tradicional Galega’, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, se axuda a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces”, concluíu o delegado.

Pola súa banda, Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola, indicou que os escolares terán de prazo para a presentación dos seus debuxos até o 13 de xuño, logo de que un xurado formado por profesores da Tradescola seleccionará 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico con libros e CDs e o gañador ou gañadora recibirá como agasallo ter para o vindeiro ano a matrícula gratuíta na Tradescola para cursar a ensinanza que desexe das que se ofertan.

Exit mobile version