Site icon Crónica3.com A Mariña

A Fundación Imdecum recibe 20.000 euros da Área de Deporte da Deputación

rIMG_9016Lugo, 7 de maio de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, reuniuse este mércores con representantes de varios clubs deportivos da provincia para asinar convenios de colaboración de cara a súa promoción deportiva. Os convenios asinados hoxe, que se corresponden con 13 colectivos, enmárcanse nas axudas de tipo nominativo que ofrece a institución provincial.

Deste xeito, asinaron este mércores o convenio coa área de Deporte da Deputación de Lugo a Fundación Azkar, por valor de 40.000 para a promoción do fútbol sala na provincia; a Escudaría Chantada, que recibirá 7.000 euros para a organización da Subida a Chantada; a Escudaría Miño, que terá unha axuda de 28.000 euros para o Rallie San Froilán; o Club Baloncesto Chantada, que percibirá 15.000 euros para cubrir gastos de tempada; o C.N. Portamiñá, que disporá de 10.000 euros para sufragar gastos de tempada; o Club de Bolos O Cadaval, que contará con 5.000 euros para organizar a liga de bolos provincial; o Racing Club Vilalbés, que recibirá 28.000 euros para os gastos derivados sa súa participación na 3ª división así como para a promoción das categorías inferiores; o Club de Atletismo Lucus, que disporá de 7.000 euros para sufragar gastos de tempada; a Fundación Imdecum, con 20.000 euros para a promoción do fútbol sala na provincia; o Club Calasancio, con 8.000 euros para gastos de tempada; e os referentes no mundo do automobilismo Pedro Burgo, Pablo Silva e Alonso Liste, que percibirán, cada un, 14.000 euros para gastos de tempada.

Estas 13 colaboracións supoñen unha inversión de 210.000 euros. Nos vindeiros días asinaranse os demais convenios, ata alcanzar os 458.000 euros que a área de Deporte da Deputación de Lugo destina para as subvencións de carácter nominativo. Así mesmo, en días sucesivos resolveranse as axudas para clubs de 1ª e 2ª categoría estatal, que ascenden a 1.250.000 euros, ao que hai que sumar os 500.000 euros de axudas que ofrece a Deputación en concorrencia competitiva.

Durante a súa intervención Veiga precisou que “estamos a falar dun total de 2.208.000 euros que inviste a área de Deporte da Deputación de Lugo na provincia. Unha cifra que é superior se temos en conta a nosa colaboracións con outros eventos deportivos de carácter puntual ou o mantemento de instalacións como é o caso do Pazo Provincial dos Deportes, que nos supón unha inversión anual de máis de 600.000 euros”.

Revistas especializadas do mundo deportivo sitúan á Deputación de Lugo como a primeira institución provincial de todo o Estado que máis inviste en deporte por habitante e ano, exceptuando os Cabildos Insulares ou as Deputacións Forais Vascas, ámbalas dúas institucións cun réxime tributario distinto.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación lembrou que “as liñas de axuda aos clubs deportivos da provincia non pararon de medrar nos últimos sete anos, xa que a día de hoxe non queda ningún club que así o solicite sen axuda económica por parte da área de Deporte da que son responsábel. Hai que ter en conta o grande esforzo que isto supón, xa que Lugo é unha cidade e provincia na que se desenvolve unha gran variedade de disciplinas deportivas”.

“Asemade, satisfácenos que haxa bos resultados deportivos, algo que se consegue coa promoción do deporte dende a base, unha das premisas básicas desta área de Deporte da Deputación de Lugo” – concluíu Veiga.

Exit mobile version