Ribadeo, 12 de maio de 2014. A banda de música municipal de Ribadeo tocará por primeira vez a obra O cantar das mareas, de Iván Rodríguez Armán, no concerto para conmemorar o Día das Letras Galegas. Será este vindeiro domingo, día 18 de maio, ás 20:30 horas no Cine Teatro.
O director da banda de música ribadense, David Ballester Martínez, anunciou que van interpretar “por primeira vez unha que se titula O cantar das mareas, que foi un encargo que se realizou a un rapaz galego para o primeiro festival de bandas de Bos Aires, en Arxentina, e estreouse no 2007. Tamén tocaremos Negra Sombra ou Balada Galega, de Juan Montes, e ademais Rapsodia Galega Número 1. Son todas obras que xa tocamos ao longo dos cinco anos que levo dirixindo a banda, dende o 2009. Ademais interpretaremos o pasodobre Música Mestres e Muiñeira dos Pendellos, de Juan Lois Diéguez, que foi o compositor da obra Da Capo, que gravou a banda de Ribadeo hai un ano e pouco. Tamén tocaremos Lugo-Ferrol e ao final do concerto haberá algunha sorpresa”.
David Ballester explicou que “todas as obras son de temática galega ou ben de compositores galegos, xa que estamos no Día das Letras Galegas e a música é como se fora texto, doutro tipo pero tamén galego”.
No cartel para anunciar este concerto a Asociación Amadores da Música aproveita para dar a coñecer que “durante o estudo musical para tocar un instrumento establécense conexións neuronais que melloran tamén outros aspectos da comunicación humana. De aí que os nenos e nenas con formación musical teñan un mellor vocabulario e capacidade de lectura”.