Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa da Cultura de San Cibrao exhibe os traballos premiados no concurso “Alma da artesanía”

expo_artesaniaCervo, 2 de maio de 2014- A Casa da Cultura de San Cibrao acolle ao longo deste mes a exposición na que se amosan as pezas premiadas no concurso “Alma da Artesanía”. Unha mostra que se inaugurou esta tarde nun acto no que estivo presente o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura e Turismo, Begoña Alonso, artesáns da zona así como algúns dos que concorreron neste concurso.

En total pódense ver os preto de 80 traballos presentados, entre os que se atopan os 7 recoñecidos nestes galardóns. Dous deles son os gañadores do primeiro premio: a peza “Berce”, do carpinteiro Miguel Fernández na categoría de Artesanía Tradicional; e “Acollemento” da ceramista Pilar Rei na de Artesanía Contemporánea.

Tamén se poden contemplar as obras dos artesáns que conseguiron as mencións dos “Premios Adquisición”: Dolores Trasancos, por “Ánfora Rachada”; María del Carmen López, por “Ánfora Arqueoloxía”; Pilar Elvira Felipe, por “Medusa”; Francisco Fraga, por “Lámpada Cubos” e Hilario Rubal García, por “Xoias Terrón de Azucre”.

Unha mostra que ten recalado xa en varios concellos da Mariña e que rematará o seu percorrido en Cervo, polo que “es la última oportunidad de ver reunidos en una misma sala todos estos trabajos artesanales, con el añadido de ser piezas premiadas por su calidad y su diseño” asegura Alonso. Os traballos poderán verse ao longo do mes de maio, ata o día 31, en horario de 9 a 13:30 e de 17 a 20 horas de luns a venres.

Tanto os premios como a exposición son iniciativas que forman parte do proxecto “Rutas da artesanía” que comezou ofrecendo turismo de experiencias da man dos artesáns da comarca da Mariña. Un programa que se foi estendendo, ofrecendo outras actividades complementarias que poñen en valor os oficios tradicionais e as persoas que os manteñen vivos, como é o caso no municipio de Cervo do ceramista Estéfano Gudín e do carpinteiro de ribeira Francisco Fra, que estiveron presentes no acto. Un proxecto nacido a raíz dun convenio asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.

Exit mobile version