Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta en Lugo clausurou a XXII edición de Periodipesca

O Congreso de Periodismo especializado en Caza, Pesca, Turismo natural e de aventura, Periodipesca, que durante catro días achegou a máis de medio cento de periodistas especializados de toda España e Portugal á Mariña Lucense, tocou o seu fin durante a xornada deste domingo.

Á clausura asistiu a delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Raquel Arias que presidiuba mesa xunto ó Presidente de Periodipesca, Luis Macías, o Presidente da Federación Galega de Caza, Xavier Nogueira; o Xefe da sección de caza e pesca da Xunta de Galicia, Jesús Marquina e a madrina de honra desta edición, Flor Robleda.

A delegada territorial destacou, durante a clausura no hotel O Castelo de Cervo, as calidades que fan especial á provincia de Lugo e en particular á Mariña Lucense. O seu paraíso natural, a calidade dos seus ríos e as súas praias, a amabilidade das súas xentes… Tamén pediu que tras disfrutar destas terras que o divulguen os congresistas nos seus lugares de orixe e falen do que viron e viviron estes días.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou as condicións naturais da provincia de Lugo para converterse en destino turístico para os amantes da caza e da pesca. “Temos un gran potencial –subliñou- que ven avalado polos nosos recursos e no que debemos incidir no marco dese turismo de calidade, sostible e diferenciado que queremos para Galicia e para Lugo en particular”.

Arias lembrou que a provincia si é “un puntal en turismo rural”, cunha oferta “catalogada entre as mellores” á que se engade “o aliciente da nosa gastronomía, porque como di o noso coñecido slogan E para comer… Lugo”.

Pero “temos tamén credenciais para converternos nun referente en turismo de caza e pesca”, apuntou, xa que “representamos máis dunha terceira parte da superficie cinexética galega, con preto de 1 millón de hectáreas e 152 tecores” á vez que ofrecemos “case 4.000 quilómetros de ríos aptos para a pesca, dos cales 460 están acotados en 58 cotos e 86 tramos”.

A delegada subliñou o interese que ambas actividades espertan entre os galegos e lembrou que o pasado ano rexistráronse preto de 47.000 licencias de caza e 64.000 de pesca en Galicia.

Durante o acto de clausura tamén se nomeou “socios de honra” á directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro -que non puido asistir ó acto- tamén ós alcaldes dos municipios que amablemente acolleron o congreso anual, José María Gonzalez e Alfonso Villares, así coma á madriña de honra deste ano.

Periodipesca 2014 ten como “homenaxeado” ó Xefe do Servizo de Caza e Pesca da Xunta de Galicia, Jesús Marquina Olmedo e como “periodista distinguido” a José Curt Martínez, compañeiro galardoado pola súa magnífica e fructífera traxectoria periodística, editorial e investigadora.

CAMPIONATO INTERNACIONAL DE PESCA
Cervo e Burela, son localidades pesqueiras por natureza. E era menester aproveitar esta calidade por parte dos congresistas. Deste xeito, disputaronse o Campionato Internacional de Pesca de Salmónidos para Periodistas Especializados en auga doce e salgada conseguindo en total 11 capturas. Por orde, o primeiro clasificado foi Miguel H. Gallego, o subcampión, Luis Macías Brea e o terceiro finalista, Alex Hinrich.

Exit mobile version