Nos vindeiros días, publicaranse as bases do programa no BOP para, seguidamente, abrir o prazo de solicitude de ofertas. Martínez explicou que poderán optar a “Termalismo no Camiño” os balnearios da provincia que empreguen as augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde, segundo establece a lei de regulación de augas minerais, termais e de manancial da Comunidade galega.
“Dentro da nosa aposta pola defensa dos dereitos dos traballadores e do público, e en cumprimento da Lei de Subvencións”, remarcou o voceiro, non poderán optar a esta programación: os establecementos que teñan solicitado a declaración de concurso voluntario; os declarados insolventes ou en concurso; os que non estean ó corrente no cumprimento de obrigas tributarias ou por reintegro de subvencións; os sancionados mediante resolución firme coa perda de obter subvencións; ou os que teñan a residencia fiscal nun país cualificado territorialmente como paraíso fiscal.
Descontos
Os balnearios deberán ofrecer os seguintes paquetes, que serán os que subvencione a Deputación:
– 6 días con 5 noites de estancia
– 5 pensións completas
– Día de entrada (domingo): incluídos cea e aloxamento
– Día de saída (venres): incluídos almorzo e comida 8 técnicas de balneario
– 1 recoñecemento médico á chegada
– De luns a xoves: programa de animación sociocultural
Portais web para os Concellos
A sesión acordou iniciar a contratación do servizo de mantemento dos portais web de 35 Concellos lucenses, que creou a Deputación ó abeiro do Innova-TE. O prezo máximo de licitación é de 60.000 euros. Martínez indicou que “son os municipios sumados voluntariamente ó noso programa tecnolóxico e que aceptaron a posta en marcha deste servizo”. Trátanse dos seguintes: A Pastoriza, A Pontenova, As Nogais, Baleira, Becerreá, Baralla, Burela, Carballedo, Castro de Rei, Cervantes, Chantada, Guitiriz, O Incio, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, Paradela, Páramo, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Taboada e Triacastela.