Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba as bases das axudas de 1,7 millóns de euros en impulso do sector primario e do rural

300513xunta-gobernoA Xunta de Goberno este venres aprobou as bases da nova programación da Deputación en impulso do sector primario e do rural, dotada de 1,7 millóns de euros. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que entre o luns e o martes publicaranse no Boletín Oficial da Provincia para, seguidamente, abrir o prazo de presentación de solicitudes.

Esta programación inclúe, por un lado, axudas para a recuperación de terras abandonadas, convertendo a de Lugo na primeira Deputación de Galicia que ofrece axudas directas ós agricultores e gandeiros para producir en terras abandonadas co fin de aumentar a base territorial das explotacións e mellorar a súa rendibilidade. A superficie agraria abandonada en Galicia incrementouse na última década en máis do 66%, sobre todo na provincia de Lugo, e hoxe o 80% do territorio galego está sen poñer a producir.

A axuda por hectárea deste plan piloto será de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario un máximo de 9.000 euros. Os requisitos a cumprir son os seguintes:

– Poderanse beneficiar gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón.
– Comprométense a ter en produción a parcela para a que reciban subvención por un período mínimo de dous anos. No caso de incumprir este requisito, perderán a axuda.
– Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non estarán subvencionadas.
– E, algo moi importante, terán que xustificar, achegando a declaración da renda, que polo menos o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria”. É dicir, aremos as axudas a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo, todo o contrario que a PAC, pois, por culpa dos criterios de reparto fixados polos gobernos central e galego, prima a quen non vive no campo, nin do campo.

Axudas para traídas de auga e infraestruturas
Martínez indicou que esta programación tamén inclúe axudas destinadas a traídas de auga, “un servizo municipal básico que é moi custoso e que moitos Concellos non teñen capacidade económica para garantilo. Por iso, abrimos unha liña específica de subvencións, que serán dun máximo de 30.000 euros para instalar unha nova rede de abastecemento, e de ata 10.000 euros, no caso de proxectos de mellora das infraestruturas existentes”. Con esta liña, a Deputación tamén apoia ó sector primario, pois o subministro de auga é unha cuestión básica para as explotacións. Por elo, nos criterios de valoración priorizarase o número de usuarios que se dediquen á actividade agropecuaria.

Por último, hai axudas destinadas a infraestruturas que melloran a calidade de vida da xente do campo e facilitan o seu traballo. Por exemplo, arranxo de camiños, fontes, bebedoiros, depósitos contra incendios, sistemas de regadío comunitario, limpeza de rutas de sendeirismo ou recuperación de espazos naturais. O máximo por beneficiario será de 12.000 euros.

As persoas ou colectivos interesados poderán pedir as axudas durante dous meses, é dicir, ata primeiros de agosto, co fin de facilitarlles os trámites que teñan que facer, sobre todo no referido á liña de axudas para recuperar terras abandonadas.

“A Xunta denegounos o 80% dos cursos para desempregados”
A sesión aprobou os 4 únicos cursos para desempregados que a Consellería de Traballo concede á Deputación para a súa celebración na provincia de Lugo, posto que a Xunta de Galicia denegou o 50% das accións formativas solicitadas. O voceiro destacou que “pedimos 8 cursos, para un total de 120 lucenses en paro, que queríamos levar por toda a provincia. Non obstante, déronos 4 obradoiros sobre gandería ecolóxica, sector forestal e dinamización de tempo libre para a Granxa Gayoso Castro e Pazo de Tor. Inclúen formación e prácticas para 60 persoas, cunha remuneración mensual de tan só uns 250 euros, tal e como impón o Goberno galego. Nos últimos tres anos, a Xunta denegounos o 80% dos cursos para desempregados que solicitamos. No 2012, pedimos 9 accións formativas e déronnos 3; no 2013, pedimos 22 e concedéronnos 1; e este ano 8 e dannos 4”.

Exit mobile version