Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo acollerá esta fin de semana o V Congreso Galego de Comunidades de Montes

presentacion-congreso-cmvO Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, acompañado por Alberto Lema, Coordinador da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, e David Díaz Losada, Presidente da Comunidade de Montes de Santo Estevo de Parga, presentaron hoxe o V Congreso Galego de Comunidades de Montes, que se celebrará no Salón de Actos e nas Aulas de Formación do Pazo de San Marcos o vindeiro 10 de maio, reunindo en Lugo a preto de 250 asistentes procedentes de toda Galicia.

Durante a presentación, Álvaro Santos insistiu na importancia de impulsar e defender a xestión comunal dos montes galegos, por ser estes “modelo de xestión comunitaria e de aproveitamento dos múltiples recursos que ofrecen os nosos montes, que beneficia directamente ós veciños”. Santos quixo chamar a atención sobre os recentes cambios normativos, que “parecen querer despoxar ós veciños dos seus montes para deixalos en mans de intereses empresariais privados, centrados en exclusiva na explotación madereira”, o que, segundo destacou o Deputado, “supón un duro ataque a este modelo de aproveitamento medioambiental, paisaxístico, de razas autóctonas, de explotación micolóxica, etc., capaz de xerar ingresos e crear empregos no rural”.

Pola súa banda, tanto David Díaz coma Alberto Lema quixeron denunciar os intentos de privatizar a xestión dos montes galegos, e agradeceron o apoio prestado por parte da Deputación de Lugo á Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. De feito, o pasado mes de febreiro, a institución provincial xa acolleu a Asemblea Xeral Ordinaria desta Organización.

Programación da xornada
Este V Congreso, que se desenvolverá simultaneamente no Salón de Actos e nas Aulas de Formación da Deputación de Lugo, arrincará o sábado 10 de maio ás 9:30 horas, coa recepción dos preto de 250 participantes previstos e a entrega de documentación ós mesmos.

Durante a xornada, celebraranse diferentes debates sobre os relatorios presentados en dúas Comisións, que posteriormente se aprobarán en Pleno. Tras a aprobación dos relatorios, darase lectura ás conclusións do Congreso, e farase pública unha resolución para solicitar a declaración do día 22 de xaneiro como “Día da loita da veciñanza comuneira”.

A xornada rematará co discurso de clausura a cargo de Mar Pérez Fra, economista e profesora da Escola Politécnica de Lugo-USC, logo da entrega do recoñecemento á Comunidade de Montes de Salcedo (Pontevedra) pola defensa do seu monte veciñal.

O monte común representa en Galicia unha superficie aproximada de 700.000 hectáreas xestionadas por 2.800 comunidades veciñais propietarias, das cales 900 están ubicadas na provincia de Lugo e suman unha superficie de máis de 213.000 hectáreas.

Exit mobile version