Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe á Xunta que cumpra a Lei de Montes para que non ardan outras 17.000 hectáreas como o ano pasado

O Goberno Provincial presentará unha moción ó vindeiro Pleno do 27 de maio, esixindo á Xunta de Galicia a posta en marcha inmediata dos Plans de distrito necesarios para a prevención de incendios e dun Plan de Ordenación e Explotación do Monte, que permita coñecer de xeito inequívoco a súa propiedade.

Tal e como destaca o Goberno provincial, “a prevención contra os incendios en Galicia debe ser unha prioridade polo alto valor natural das paisaxes galegas”, así como pola riqueza que o monte galego xera. De feito, a explotación forestal mantén en Galicia 15.000 postos de traballo directos e indirectos e xera un volume de negocio de máis de 300 millóns anuais, que aumentan ata os 1.600 millóns e os 23.000 traballadores se se inclúen a industria da transformación da madeira.

Tal e como se desprende das numerosas análises e estudos realizados, hai unha relación inequívoca e inversamente proporcional entre a riqueza que xera un monte e os incendios; canto máis produce, menos arde. No pasado ano producíronse en Galicia 3.246 incendios que asolaron 16.224 hectáreas, que supoñen preto do 40% dos incendios e hectáreas queimadas en todo o territorio nacional.

Estas alarmantes cifras demostran que, a pesar de que a maioría dos incendios son provocados, “a dimensión de hectáreas queimadas responde a unha nula xestión por parte da Xunta de Galicia”. Tendo en conta que a planificación da explotación do monte é clave para previr os incendios forestais, o incumprimento por parte da Xunta da Lei de Montes de Galicia amosa “o nulo interese na preservación do ámbito” por parte do Goberno de Núñez Feijóo.

Plans de distrito
A mencionada Lei de Montes desenvolve a figura dos Plans de distrito, unha ferramenta básica para a loita contra os incendios, que deberían regular tanto as devasas, como o aproveitamento do monte e mesmo a diversificación de cultivos para lograr devasas naturais. É a propia Disposición Transitoria Cuarta desta Lei a que recolle que estes Plans deberían estar aprobados nun prazo de 18 meses dende a entrada en vigor de dita Lei, isto é, en xaneiro de 2014. Sen embargo, tal e como destaca o Goberno Provincial, a día de hoxe “o que temos é unha nova campaña de incendios sen que se saiba nada destas ferramentas clave na prevención e coordinación de medios contra o lume”.

Plans de deslinde
Por outra banda, con esta moción o Goberno provincial insta á Consellería de Medio Rural a poñer en marcha un Plan de deslinde que clarifique a propiedade do monte. Á vista do artigo 11 da Lei 13/1989, de Montes Veciñais, é a Administración autonómica a responsable de levar a cabo a fixación da superficie e dos lindes do monte, así como a súa sinalización. O Grupo Provincial Socialista denuncia que, mentres que a Xunta incumpre esta Lei, “malia posuír os medios técnicos e económicos”, obriga ás Comunidades de Montes en man común a responsabilizarse “da creación dun Plan de Ordenación onde se planifique a distribución e explotación das hectáreas mancomunadas”.

O Executivo autonómico responsabiliza así ás Comunidades, coa aprobación do Decreto 52/2014, do 16 de abril, da creación destes plans de ordenación, ademais de que “en caso de incumprimento, prohíbelles o aproveitamento do seu monte”.

Deste xeito, o Goberno provincial denuncia que “Feijóo apresurouse a vender a bombo e prato a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia, como unha lei que viña a paliar o desgoberno dos montes galegos”, mentres que “a realidade é que é a propia Xunta a primeira en incumprir devandita lei”.

Exit mobile version