A Deputación ofrece asesoramento xurídico gratuíto ós Concellos para que defendan o mantemento dos 9 partidos xudiciais lucenses. O organismo provincial facilita ademais ós municipios o acordo plenario aprobado por unanimidade polos tres grupos políticos na Corporación Provincial para que esixan nos seus plenos a inmediata reforma do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial. A institución que preside José Ramón Gómez Besteiro dá resposta deste xeito á petición conxunta dos Alcaldes dos Concellos cabeceiras de comarca en Lugo, reunidos hoxe en Mondoñedo.
Neste encontro participaron os Rexedores de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Sarria e Viveiro. O Alcalde de Vilalba desculpou a súa ausencia. Todos acordaron solicitar colaboración á Deputación. O organismo provincial resposta de xeito inmediato, ofrecendo asesoramento xurídico gratuíto e achegando o acordo plenario, dentro da súa firme aposta polo mantemento dos servizos públicos. “Unha xustiza máis cara, máis inaccesible e máis lonxana, non é a xustiza que decidimos todos os cidadáns na Constitución do 78. Calquera plantexamento que vai dirixido a impedir o acceso á xustiza vai atopar a oposición desta Deputación”, mantén o Presidente.
Gómez Besteiro acadou un acordo unánime na Deputación para:
– Esixir a inmediata reforma ó Goberno Central do Anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, para conquerir un texto que defenda o acceso á tutela xudicial efectiva dos cidadáns.
– Instar ó Presidente Feijóo que inicie os trámites necesarios para garantir o mantemento dos nove partidos xudiciais da provincia de Lugo: Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro.
– Acometer unha racionalización da xustiza, apartada dunha visión corporativista e centralista, elaborada de forma consensuada cos profesionais, organizacións e colectivos sociais de ámbito xurídico, fundada nos criterios de respecto ó dereito á tutela xudicial, ó achegamento da xustiza á cidadanía e unha maior accesibilidade desprovista de custes engadidos.
“Moi vixiantes”
“Non vamos a admitir a supresión dos partidos xudiciais e vamos a ser moi vixiantes neste acordo para que non se torne noutra segunda reforma local. É dicir, para que ó final non se diga unha cousa aquí, outra en Galicia e logo se vote distinto en Madrid. Insisto, vamos a ser moi vixiantes para que as administracións implicadas cumpran coas súas obrigas, fundamentalmente a Xunta, que é quen pode interpoñer recursos de inconstitucionalidade ás leis do Estado”, remarcou o Presidente.
O pasado 4 abril, o Goberno Central do Partido Popular presentou no Consello de Ministros esta normativa, coa que se eliminan 8 dos 9 partidos xudiciais de Lugo. O Goberno provincial de Gómez Besteiro mantén que “esta lei é unha nova barreira do Partido Popular ó acceso á xustiza, menosprezando a Constitución, que se suma ó desmesurado incremento das taxas xudiciais. Non atende a realidade de Galicia en xeral, nin da provincia de Lugo en particular, posto que priva ó 60% dos lucenses dunha xustiza accesible, obrigándoos a desprazarse máis dunha hora da súa residencia, co consecuente incremento do gasto. Novamente, o PP fai distincións entre cidadáns de primeira e de segunda, diferenciándoos polo seu lugar de residencia. A loita contra o despoboamento, o abandono do territorio e a sostibilidade do ámbito é incompatible coa supresión dos servizos mínimos”.