Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rexeitará no Pleno o histórico peche de 1.200 camas que impón a Xunta nos hospitais para o verán

O Goberno Provincial presentará unha moción ó vindeiro Pleno, que terá lugar o martes 27 de maio, en rexeitamento ó histórico peche de camas que impón a Xunta de Galicia nos hospitais galegos para os meses estivais. 1.200 camas deixarán de estar operativas nos hospitais da Comunidade, o dobre que no 2010, cando foron 588. En Lugo, pecharán 150 camas: 28 no Hospital Comarcal de Monforte, 92 no Hula e 30 no Hospital da Costa. “Particularmente sorprendente é o elevado número de peche de camas na Mariña, toda vez que no verán, moitos dos Concellos mariñaos duplican ou mesmo triplican a súa poboación ante a chegada de turistas” remarca o Executivo lugués.

“Todos os veráns se fomenta o peche de camas en prol da eficiencia dos recursos. Pero o machadazo da Consellería para este ano pon en claro risco a calidade asistencial do Sergas. Parece evidente, que a estrutura sociosanitaria de Galicia non puido cambiar tanto en catro anos, como para dobrar o número de camas pechadas no período estival, obtendo o mesmo grao de eficacia. Novamente, asistimos a un exercicio de engano por parte da Xunta de Galicia ós cidadáns. De novo, o Partido Popular, encabezado polo Presidente Feijóo, volve a menosprezar a intelixencia dos cidadáns galegos, afirmando que o peche de camas e quirófanos non supón unha menor calidade asistencial”, salienta o Executivo lugués.

“Os únicos beneficiados serán as entidades concertadas”
“O peche desmesurado de camas esconde, baixo unha decisión aparentemente administrativa, unha volta de rosca máis do Partido Popular cara á desmantelamento da Sanidade Galega de carácter público. Resulta evidente, que se non se consegue satisfacer a demanda dos usuarios do SERGAS debido ó desmesurado número de peche de camas, os únicos beneficiados serán as entidades concertadas, que verán como incrementan o seu volume de negocio”.

“A Xunta renuncia a crear emprego”
“Esta perversión, súmase á errática política encuberta levada a cabo, tanto dende os gobernos de Mariano Rajoy como de Feijóo, de non contratar persoal para suplir o aumento de permisos vacacionais dos profesionais sanitarios. Así, ademais de infrautilizar un servizo básico para a cidadanía, como é o acceso á sanidade, a Xunta renuncia á creación de emprego”. “A cidadanía contempla perplexa como a pesar de que as listas de espera están tan disparadas que xa nin se miden nin se publican, o Goberno Feijóo incrementa un ano máis o peche de camas do verán. Peche de camas que vén a sumarse ós recortes no persoal dos centros de saúde e dos hospitais por mor de baixas que non se cobren”.

Acordos
“Por todo isto, e ante o excesivo peche de camas previsto para a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, que claramente van ter un efecto pernicioso, tanto para a sanidade como sistema, como para o paciente como usuario; o Goberno da Deputación de Lugo somete a pleno, para o seu debate e posterior aprobación o seguinte”:

• Instar a Consellería de Sanidade a que volva a avaliar a necesidade de unidades, camas e persoal para a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, tendo en conta criterios asociados á época estival como é o aumento da poboación.
• Esixir a Consellería de Sanidade que incremente a contratación de persoal para suplir os profesionais sanitarios na época estival, e garantir unha axeitada asistencia sanitaria.

Exit mobile version