Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña acolle o III Torneo de fútbol sala base Memorial Rodrigo Maseda

_MG_3729 (1)O salón de plenos do Concello de Burela acolleu este venres 30 de maio a presentación da terceira edición do Torneo de Fútbol Sala Base Fundación Imdecum 2014 “Memorial Rodrigo Maseda Lozano”, evento organizado pola Fundación Imdecum e que congregará o 4, 5 e 6 de xullo nas localidades de Burela, Foz, Xove e Cervo ás futuras promesas do fútbol sala español chegadas desde diferentes puntos da nosa xeografía.

No acto de presentación estiveron o presidente da Fundación Imdecum, D. Marcelino Luna,; o presidente do C.D. Burela F.S., D. Manuel Blanco Fanego; o alcalde do Concello de Burela, D. José María González Barcia; o responsable da área de cultura e deportes do Concello de Foz, D. José Ángel Paleo Soto; o concelleiro de Cervo, D. José Ramón Soto Martínez; a concelleira de deportes e turismo de Xove, Dna. Cristina Iglesias Guerreiro; os pais de Rodrigo Maseda Lozano, Dna. Isabel Lozano e D. José Ramón Maseda, e a deseñadora do trofeo, Dña. Melina López. Disculpouse a presenza do Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antonio Veiga.

Luna abriu a cita agradecendo a presenza de todas as autoridades, “dar as gracias ós catro concellos pola cesión de instalacións e a súa colaboración constante co torneo, felicitar tamén a Melina pola magnífico deseño e doación da imaxe para a elaboración do trofeo e agradecer intensamente a participación de Isabel e José Ramón por facernos partícipes do feito de poder amosar o legado de Rodrigo a tódolos deportistas. Ano tras ano observamos un crecemento contínuo no número de inscritos e de cara a esta edición esperamos estar preto dos cincocentos deportistas, isto é algo moi importante para o turismo na Mariña”.

Pola súa parte, González Barcia, fixo fincapé nos valores de Rodrigo, “dou a miña noraboa a iniciativa da Fundación Imdecum a través da cal se intentan trasmitir valores como os que amosaba Rodrigo na súa vida diaria, superación, compañerismo, esforzo, colaboración, hábitos saudables, etc., é un bo xeito de recordalo e de inculcar todas estas virtudes”.

José Ramón Soto, José Ángel Paleo e Cristina Iglesias transmitiron ós presentes a predisposición de cada un dos Concellos para o desenvolvemento de todas as actividades relacionadas co torneo, así coma a total dispoñibilidade para a cesión das súas instalacións, facendo mención especial á relación que tiña Rodrigo coa localidade de Xove e Cervo; xa que o seu pai é natural de Xove e a súa nai de Cervo.
Melina López, alumna do IES Monte Castelo, refiriu á simboloxía do trofeo, “el diseño se basa en dos personas fundiéndose en un abrazo, con todo el significado que esto conlleva.”

Blanco Fanego refiriuse ós valores que inculca o deporte e á participación das categorías base do C.D. Burela F.S. Pescados Rubén, “o deporte inculca un gran número de valores que nós intentamos transmitir a todos os alumnos da nosa Escola Deportiva para que medren como deportistas e persoas, todas a nosas categorías e equipos serán partícipes do torneo e intentarán desfrutar e dar o mellor de sí.”

Por último, Isabel Lozano mostrouse moi agradecida con todas as entidades “dar as gracias a Fundación Imdecum, un ano máis, a tódolos concellos participantes e a Melina polo simboloxía do seu trofeo, é un pracer ver como o torneo pouco a pouco vai medrando e perdura no tempo”.

Nesta terceira edición participarán equipos chegados desde diferentes comunidades coma Galicia, Asturias, Madrid, Castela e León, etc.

As categorías participantes son benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, mellor xogador, máximo goleador e deportividade, así coma un recordo de participación por club e unha camiseta do torneo para todos os inscritos.

Os vencedores do torneo recibirán un trofeo inédito elaborado polos usuarios da fundación Eu Son de Burela. Trátase dunha figura de dúas persoas que se funden nun so corpo a través dun abrazo, como símbolo dos valores de compañeirismo e solidariedade polos que traballan na cita deportiva da Fundación Imdecum, en recordo de Rodrigo Maseda cuxo exemplo serve de imaxe na que se poden reflexar todos os participantes da cita. A peza foi deseñada por Melina López, alumna do IES Monte Castelo.

Como actividades alternativas ó torneo programáronse visitas guiadas ó barco museo de Burela e a posibilidade de utilización de múltiples instalacións para o disfrute de todos os participantes, coma a piscina municipal climatizada de San Cibrao, o complexo deportivo de A Marosa coas súas pistas de tenis, pádel, campo de fútbol, etc.

Os partidos disputaranse nos pavillóns bureleses de Vista Alegre e o Monte Castelo, no sancibrense de A Veiga, o pavillón municipal de Xove e o focense de Marzán, contando así coa colaboración de distintos concellos da Mariña (Burela, Foz, Cervo e Xove) e a Área de Deportes da Deputación de Lugo baixo o ámbito organizativo da Fundación Imdecum.

Inscrición aberta
Os equipos poderán anotarse ata o venres 6 de xuño. Pódese solicitar información nos números 982 888 610 e 670 321 857, así coma na dirección electrónica contacto@fundacionimdecum.org.

Exit mobile version