Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña Federación acudirá á feira Expovacaciones que se celebrará en Bilbao do 9 ó 11 de maio

Barreiros, 7 de maio de 2014. A Mariña Federación, asociación que agrupa á maioría das asociacións de comerciantes da comarca, acudirá á feira Expovacaciones que se celebrará en Bilbao do 9 ao 11 de maio. O obxectivo “é a promoción do comercio e da hostalería desta zona, desta ampla comarca que é a Mariña”.

O presidente de A Mariña Federación, Ramón Leivas, dixo: “quero darvos as grazas a todos os presentes aquí: tanto Xunta como Deputación e Mancomunidade por todo o apoio que estamos recibindo. Espero que sexa moito máis no futuro e contamos con elo. A feira de turismo inaugurarase o venres e iremos Roberto Ramos e eu ao acto de apertura. Creo que a idea é boa porque xuntar esforzos toda A Mariña é moi importante porque vendemos unión, conxunto e hai potencial suficiente na Mariña para que veña moita xente”.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, cre que “queda demostrado amplamente ao longo do tempo o dinamismo que ten o comercio da Mariña en canto á súa creatividade, orixinalidade e tamén á creación de produtos, a propia innovación dentro do sector. Viámolo hai pouco, en novembro, coa presentación da Federación, que fixo que toda A Mariña sexa un gran centro comercial aberto. Presentar ese paquete como o comercio da Mariña que é un todo, da igual a onde vostede veña, iso fainos moito máis fortes dentro, pero sobre todo cara ao exterior. Unha proba diso é este paso que dades agora saíndo fóra a promover o comercio a unha feira de turismo. Ademais ponnos de relevo que o comercio da Mariña, en si mesmo, é un produto turístico, xunto ao mar, as belezas naturais, o patrimonio natural, cultural e artístico, a gastronomía tamén o comercio en si é un produto turístico. Iso quere dicir que se ten que converter nun atractivo en si mesmo para vir á Mariña. Vostede veña e, ademais de facer ao que veña, saiba que aquí pode comprar, vai atopar de todo, vai ter un comercio de calidade, ao que hai que vir. Entón ten que haber unha interrelación entre todo iso”.

Arias engadiu “e ademais facédelo indo a Bilbao, que cada vez esta máis cerca polas infraestruturas, pero ademais este ano está tamén máis cerca por un acontecemento. Sabedes que dende a Xunta de Galicia se está a celebrar e a promover o octavo centenario da peregrinación de San Francisco a Santiago e Bilbao comparte Camiño coa Mariña e ademais podemos ofrecerlle esa ruta náutico xacobea, que vai chegar a Ribadeo e que será un atractivo en si mesmo e tamén unha oportunidade para atraer a xente de toda Europa, pero tamén do norte de España e polo tanto de Bilbao”.

Pola súa banda a vicepresidenta segunda de Deputación de Lugo, Lara Méndez, felicitou á Mariña Federación: “parabéns por esa actividade que estades a realizar, por ese dinamismo que tedes. Levades apenas 6 meses constituídos e xa tedes unha gran traxectoria. Iso significa a implicación que estades tendo, o gran potencial que ten a Federación e os grandes logros que pode acadar. Creo que unha mostra diso é esta participación nesta feira, ademais buscando ese turismo de proximidade, que normalmente é de calidade, para seguir incrementando o turismo do País Vasco, que xa nos é familiar na comarca da Mariña e é bo potencialo, seguir incrementándoo, porque non so viría en época estival senón que, ao ser de proximidade, poderemos ter ese turismo de forma desestacionalizada ao longo de todo o ano. Co cal creo que esta é unha moi boa iniciativa coa que se poden acadar grandes logros para dinamizar o comercio e o sector servizos, pero en definitiva unha economía local que xira en torno da Mariña, entendéndoa como un todo, unha comarca, esa cidade lineal da que xa temos falado noutras ocasións”.

Méndez desexoulles “moita sorte e que realmente sexa efectiva esta viaxe, que non será a última, que capte moitísimo turismo para que visite toda esa riqueza que temos, tanto a oferta comercial, que é moi boa e de calidade, como o resto do entorno, paraxe, historia, cultura, gastronomía que temos na Mariña, que poden vir a disfrutar dende xaneiro a decembro, pois durante todos os meses temos cousas que ofertar”.

E o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, lembrou que “dende a Mancomunidade hai uns anos que para Bilbao só se contrataban unhas azafatas para que estiveran alí nun stand. Creo que é importante que tome esta iniciativa a federación de comerciantes porque en definitiva os Concellos que formamos a Mancomunidade todo o que traballamos en turismo é para que se rendibilice na hostalería, no comercio e en xeral en todo o sector privado que hai na Mariña. Nese sentido que poidades estar alí, por iso vamos contribuír con esa axuda, parécenos interesante tanto na de Bilbao como noutras feiras que poidan xurdir e que vós creades que poidan interesar”.

Fuente Parga manifestou que “dende hai uns anos vimos colaborando tamén cos artesáns da Mariña, porque non podía ser o que viña pasando anos atrás, cando a administración ía por un lado e os empresarios tanto da hostalería como do comercio ían por outro. Eu creo que debemos ir todos xuntos a este tipo de feiras e polo tanto damos un paso máis”.

A Mariña Federación estará en Bilbao grazas á colaboración da Mancomunidade de Municipios, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

A súa participación nesta cita foi presentada nun acto que se desenvolveu esta mañá no Concello de Barreiros.

Exit mobile version