Site icon Crónica3.com A Mariña

A Praza do Conde de Fontao de Foz acollerá unha mobilización do Día da Letras convocada por Queremos Galego

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2014.- A plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística, concreta os oito puntos en que se desenvolverán as mobilizacións deste Día das Letras, en todos os casos ás doce do mediodía:

A Coruña: Obelisco.
Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes).
Ourense: Alameda (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor).
Pontevedra: Praza da Peregrina.
Santiago: Porta Faxeira.
Vigo: Saída da manifestación desde a Vía Norte.
Ferrol: Praza de Armas.
Foz: Praza do Conde de Fontao

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, explica que “estas mobilizacións en defensa do noso idioma continúan a ser tristemente necesarias” e que “non nos resignamos a que as persoas que falamos galego teñamos menos dereitos”. Maceira tamén convidou “todas as persoas que aman o galego a que participen nos actos deste Día das Letras ao mediodía nas sete cidades e en Foz”.

En todas estas concentracións ou manifestacións lerase un manifesto elaborado pola escritora Marica Campo. Nel parafraséase un dos versos máis coñecidos do autor a quen se lle dedican as Letras deste ano, Xosé María Díaz Castro, para “animarnos a que conquistemos novos pasos adiante para a nosa lingua” no ensino, nos medios de comunicación, na xustiza, etc.

Exit mobile version