Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación cultural de Ribadeo para maio e xuño inclúe música, teatro e actividades para os máis pequenos

Ribadeo, 2 de maio de 2014. A programación cultural do Concello de Ribadeo para os meses de maio e xuño inclúe música, teatro e actividades para os máis pequenos. A axenda arrinca esta fin de semana co concerto que ofrecerá mañá no Teatro Fernando Pérez Fernández e segue o domingo con teatro no auditorio municipal.

A concelleira Mariluz Álvarez Lastra sinala que “é unha programación cultural que, como sempre, intenta tocar todas as disciplinas artísticas: dende a música á danza, o teatro profesional, o teatro para os máis pequenos e tamén, como non podía ser doutra maneira, o teatro afeccionado”.

Para a edil de Cultura “quizais o máis destacable é que o conxunto da programación cultural non soamente está organizado pola propia Concellería senón que vai haber moitas actividades das asociacións culturais e dos colectivos que habitualmente traballan e desenvolven a súa actividade cultural no noso concello: a banda municipal, a coral polifónica, a asociación Amigos da Gaita, a asociación Paco Lanza e diferentes institucións que poñen o seu gran de area para que a nosa programación cultural sexa cada vez máis dinámica e produtiva”.

Álvarez Lastra dixo que “esta programación cultural de maio e xuño comeza este fin de semana, concretamente este sábado 3 teremos no Cine Teatro Ribadeo ás oito e media da tarde, dentro do ciclo Músicas Posíbeis, a Fernando Pérez Fernández, que é un guitarrista e o seu concerto titúlase Unha viaxe polas emocións guitarrísticas. Non soamente vai actuar ás oito e media senón que antes, ás seis e media da tarde, vai facer unha master class para os nosos alumnos e alumnas da escola de música do ámbito da guitarra e tamén para aquelas outras persoas que estean interesadas en asistir, porque vai ser no Cine Teatro totalmente de balde. Polo tanto ao mellor ten cabida para que algunha persoa que sexa afeccionada a este instrumento poida ir tamén”.

A concelleira nacionalista seguiu a relatar que “continuaremos o domingo 4 con teatro profesional, neste caso temos á compañía Volta e Dalle ás oito e media da tarde no auditorio municipal Hernán Naval e a obra que van poñer en escena é Dura Lex”.

Mariluz Álvarez Lastra tamén aludi á celebración dos Maios, “que foi unha actividade que comezamos o ano pasado cun éxito notable e que á xente que participou, os nenos, as nenas e as súas familias, lles gustou moito e que, como pensaron que se ía facer este día 1 estaban un pouco pendentes de se o celebraríamos. Entón quero anunciar para todos os nenos e nenas e as súas familias que o domingo 11 imos celebrar Os Maios. Imos informar nos centros educativos, como ven sendo habitual, se o tempo o permite imos facelo fóra, no parque de San Francisco, rodeados de todas as flores que temos aquí e senón nos baixos da Casa do Mar, como foi o ano pasado. Que vaian recollendo xa os seus fiunchos e flores porque o día 11 de maio temos unha cita”.

En maio tamén haberá o día 10 na biblioteca a partires das 17:30 horas o espectáculo As aventuras de Quebranoces, con Musicreques. E o día 18 ás 17:30 horas tamén terá lugar A función d@s pícar@s, a cargo de Javier Fernández e Charo Pita que porán en escea Palabras percuditas.

En xuño haberá dous concertos dentro do ciclo Músicas Posibeis. Serán os días 15 e 22 a cargo de Os Folkgazais e Uxía, respectivamente.

A concelleira de Cultura manifestou que “todas as persoas que o desexen poden anotarse no enderezo cultura@ribadeo.org para que lles poidamos mandar esta programación cultural semana a semana, que se fagan tamén cos folletos da programación cultural, que están en moitos locais do Concello e tamén na hostalería, porque sería moi difícil dar aquí conta de toda a actividade que imos ter pois todos os fins de semana están ateigados de cursos, de música e teatro ao longo destes dous meses”.

Exit mobile version