Site icon Crónica3.com A Mariña

A ruta do litoral burelés foi recoñecida por primeira vez como sendeiro azul por Adeac

Burela, 14 de maio de 2014. A ruta do litoral burelés foi recoñecida por primeira vez como sendeiro azul por Adeac. Manteñen os galardóns o barco museo Reina del Carmen, o centro medio ambiental Gaia, as praias de A Marosa e O Portelo e recupera a bandeira azul o areal de Ril. O alcalde, José Mª González Barcia, considera que a política medio ambiental e de promoción turística que se está a realizar desde o Concello é a axeitada.

O rexedor sinalou que “a concesión dos premios bandeira azul deste ano 2014 no que se refire ao concello de Burela evidentemente énchenos de satisfacción, como non podía ser doutro xeito. Renovar as bandeiras azuis das praias da Marosa e de Portelo entraba dentro do previsible, renovar os galardóns bandeira azul para o barco museo Reina do Carme e para a aula de educación ambiental Gaia tamén entraba dentro do previsible. O que xa era un pouco máis complexo e complicado era acadar a bandeira azul para a praia de Ril, como se logrou este ano, e acadar un novo premio para o concello de Burela, que é o recoñecemento como sendeiro azul á ruta do litoral burelés. Para nosoutros é un motivo de satisfacción enorme”.

González Barcia explicou que “recuperamos a bandeira azul para a praia de Ril, que a tivera soamente un ano, e incorporamos un novo galardón aos moitos que en material medioambiental xa ten Burela, que é de o sendeiro azul da ruta do litoral burelés”. O alcalde considera que “isto se debe, básica e fundamentalmente, a un traballo calado que se iniciou xa hai moitos anos, cando Burela se segregou, que tivo continuidade no tempo, todo hai que dicilo e recoñecelo, e segue tendo continuidade actualmente, aínda en momentos dunha difícil situación económica como a que estamos vivindo”.

“Creo que a política medioambiental e de promoción turística que se está seguindo dende o Concello de Burela se está demostrando que é a axeitada e evidentemente é certo que todas estas distincións ademais de recoñecer todo o traballo e o esforzo que se está facendo por parte de todos, e digo isto alto é claro, por parte do Concello, dos seus traballadores, pero tamén por parte dos propios cidadáns, creo que demostra que as directrices en materia de política medioambiental e turística están sendo as axeitadas”, indicou José Mª González Barcia.

O alcalde de Burela cre que “debemos felicitarnos todos por ter posto o listón en materia de medioambiente e de promoción turística tan alto. A partir de agora manter o que temos vai ser complexo e moi difícil. Eu recoñezo que iso é así, pero tamén creo que tiñamos que dar un salto cara adiante buscando un maior recoñecemento ao traballo que se está facendo e os recursos que temos, porque tampouco cabe dúbida de que se non tivéramos eses recursos efectivamente non poderíamos acadar ningún premio”.

O rexedor tivo palabras de recoñecemento: “vaia dende aquí o meu parabén para todos os veciños e veciñas, tamén o meu recoñecemento como alcalde a unha máis que correcta política medioambiental e de promoción turística, recoñecemento aos empregados do Concello que traballan nas praias, nos nosos paseos marítimos, etcétera, e a todas aquelas institucións e empresas que teñen algo que ver con todo isto, porque creo que paga a pena”.

Para González Barcia “é un día dunha especial satisfacción para nós e confío en que o sigamos mantendo entre todos, porque en definitiva Burela é de todos e todos temos que implicarnos na súa conservación e mellora”.

Exit mobile version