Site icon Crónica3.com A Mariña

A ruta entre Illa Pancha e As Aceas e as praias das Catedrais e Os Castros-Illas renovan bandeiras azuis

Ribadeo, 14 de maio de 2014. As praias de As Catedrais e Os Castros-Illas conseguiron un ano máis a bandeira azul que concede Adeac. Tamén renova o seu galardón coma sendeiro azul a ruta que vai desde a Illa Pancha ata As Aceas. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, amósase satisfeito por estes recoñecementos.

Cupeiro dixo que “realmente estamos de noraboa xa que un ano máis ás nosas praias de As Catedrais e Illas-Castros nos deron o galardón de bandeira azul, así como tamén ao sendeiro que vai de Illa Pancha ás Aceas”.

O edil nacionalista indicou que “esta bandeira azul é avaliada por Adeac, que é a asociación de educación ambiental e do consumidor e que é unha iniciativa a favor da sostibilidade onde os piares do medio ambiente económico e o social deben estar á mesma altura. Os visitantes cando se acercan a unha praia con bandeira azul dende logo saben que gozarán dunha calidade das augas de baño excelente, dunha boa información e educación ambiental, dunha xestión ambiental e de seguridade, como pode ser toda a xestión que facemos no tema dos baños, de socorrismo, de policía, así como uns servizos e instalacións adecuados. Estes visitantes que veñan cando vexan enarborado ese galardón sentiranse tranquilos porque saben que alí teñen unha garantía en todos os aspectos que pode ter unha praia”.

Horacio Cupeiro aproveitou para felicitar ao Real Club Náutico Deportivo de Ribadeo: “tamén queremos felicitar ao Club Náutico de Ribadeo, porque tamén se lle deu este galardón ao porto deportivo. Esa bandeira tamén é importante para todo o noso concello polo traballo e esforzo que estivo facendo esta nova directiva. E esperemos que continúen traballando así para beneficio de todas aquelas persoas que se acerquen a Ribadeo a gozar do encanto que ten o noso pobo”.

Exit mobile version