Site icon Crónica3.com A Mariña

A Sociedade Cultural Ledicia organiza de novo as procesións das patronais de Burela

Novamente a comisión de festas confía en Ledicia para a organización das procesións, o que representa “unha honra para nós”, aseguran dende o colectivo. Pero tamén, engaden, “unha inmensa responsabilidade, especialmente o sábado, día en que se procesiona dende a igrexa parroquial ate o porto, e no que a asistencia de público é mais numerosa”.

Acompañando as imaxes que representan a San Xoán e á Virxe do Carme organízanse grupos musicais varios, autoridades, fieis con alguna promesa concreta …, “e nós, como mellor sabemos -e co consello do párroco- tratamos de levar unha estrutura formal para que toda persoa que asiste á
procesión poda disfrutar dela coa maior tranquilidade posible”.

“Algo que nos enche de orgullo é ver que cada ano aumenta o número de persoas que se achegan a acompañarnos vestidos co traxe tradicional, por unha parte persoas que nunha etapa da súa vida estiveros ligados a Ledicia, pero tamén moitas outras que sinten ingualmente que a maior honra
para os patróns da vila é lembrar ós nosos antergos a través do vestiario e da música que os acompaña”.

“Como responsables da organización da procesión rogamos a todas esas persoas que teñan en conta que vestir o traxe tradicional require coidar certos detalles, moitos deles relacionados precisamente coa igrexa e especialmente coa ceremonia que nos ocupa. As mulleres deben levar sempre o pelo recollido da cara e a cabeza cuberta en relación coa indumentaria que vistan; as nenas que aínda non fixeran a comuñón teñen licencia para levar o pelo ó aire, pero recollido. Para as procesións xeralmente vestimos de gala, con zapato escuro –preferiblemente negro e de cordón- e aínda que levamos máis adornos do habitual hai certas cousas que non casan con este traxe (reloxos de pulso, pulseiras, teléfonos móbiles…), e se o tempo ameaza chuvia, virá ben un paraugas negro. Tamén debemos lembrar que non estamos nun desfile ou nunha sesión de fotos; hai tempo antes e despois para posar; pero, unha vez comezada, a procesión require compostura”.

Ó longo do percorrido somos cerca de trinta persoas controlando a orde e pendentes dos diferentes grupos que participan na procesión. É importante seguir as nosas recomendacións, xa que non pretendemos molestar; senón buscar a seguridade de tod@s. Coa seguridade que cadaquén porá a súa mellor vontade, agradecemos a colaboración e desexamos unhas boas festas a veciños e visitantes.

Exit mobile version