Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta executará este verán o proxecto construtivo de ampliación do Hospital da Costa

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2014.- “Seguiremos traballando desde o respecto á xente e desde as dificultades. Galicia seguirá dando a cara polos galegos”. Con estas palabras, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este mércores no Parlamento o compromiso social e sanitario do Goberno autonómico.

Deste xeito, e en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios no pleno da Cámara galega, o titular da Xunta avanzou unha nova partida orzamentaria para que 500 dependentes máis teñan servizo de axuda no fogar. E, renovou o compromiso do Goberno autonómico coas persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social, anunciando novas axudas para que 600 persoas que cobran a Risga poidan atopar un traballo digno e así pasar do subsidio ao emprego.

No eido da sanidade, Feijóo afirmou que o Executivo galego seguirá cumprindo o seu compromiso de mellorar as infraestruturas da sanidade pública, adxudicando este verán o proxecto construtivo de ampliación do Hospital da Mariña e a obra de ampliación do Hospital do Salnés. “E este verán, tamén, adxudicaremos os seguintes centros de saúde xa licitados: Tui, Panxón en Nigrán, Buño en Malpica, Galeras en Santiago, O Couto en Ourense, Oia, Arteixo e Marín”, precisou no eido da Atención Primaria, logo de resaltar a autorización dun novo centro de saúde en Gondomar.

Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego lamentou que os partidos da oposición se dediquen a insidiar á sanidade pública “mentres que nós nos dedicamos a ampliala”, dixo, ao que engadiu que “nada nin ninguén diminuirá a capacidade asistencial dos hospitais do Sergas, nin este verán nin ningún outro”.

Feijóo insistiu en que está garantida o cen por cento da asistencia sanitaria “en todos os hospitais de Galicia, todos os días do ano” e destacou que cando un cidadán pasa pola Coruña “pode observar que en crise económica incrementouse por cinco a superficie das urxencias do hospital -de 1.000 a 5.000 metros cadrados-“; que cando pasa pola cidade de Vigo, “pode observar que pasamos das maquetas a facer un dos grandes hospitais públicos en construción, non só de España senón de Europa”; e cando pasa por Lugo “recordará que este hospital se abriu e se equipou completamente en época de crise, e verá como en Ourense se inician os traballos para facer un novo edificio de hospitalización”.

Neste mesmo eido, e logo de salientar que lonxe de ser unha obra faraónica, o hospital de Vigo “era unha necesidade faraónica”, Feijóo lembrou que o gasto sanitario público en Galicia é superior á media de España: “gastamos 250 euros máis por galego, é dicir, un 24% máis que o que gasta, por exemplo, Andalucía”.

Exit mobile version