Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita o acceso ó Porto de Burela cun investimento de 7,6 millóns de euros

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves a autorización dun gasto por importe de 7,6 millóns de euros para o remate das obras de acceso ao porto lucense de Burela, un dos de maior volume de operacións dentro das infraestruturas portuarias adscritas á Comunidade Autónoma de Galicia. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará a actuación neste mesmo mes de maio, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, cun prazo de execución de 24 meses.

O actual acceso á zona portuaria realízase polo centro do núcleo urbano, coas molestias e perigosidade que supón tanto para os usuarios do porto como para a propia localidade de Burela. Debido ao incremento da actividade que experimenta o recinto portuario e ao aumento do tráfico que se produce co funcionamento da nova lonxa, considérase necesario construír un novo acceso que facilite a entrada e saída do porto, evitando o tráfico de mais de 400 vehículos pesados ao día polo núcleo urbano de Burela.

No ano 2007 adxudicouse a obra, pero o Tribunal Superior de Xustiza decidiu a súa paralización por estimar que o proxecto non era acorde co planeamento urbanístico vixente, circunstancia que motivou a interrupción dos traballos, dos que se levaban executados aproximadamente uns 500.000 euros, e a rescisión do contrato.

Características
A nova vía de 1,26 quilómetros, enlazará a avenida Arcadio Pardiñas coa Avenida da Marina na zona portuaria, á altura da nova lonxa. O ámbito obxecto do proxecto corresponde a uns terreos pouco accidentados, que están limitados ao leste por un acantilado duns 30 metros de altura e o suroeste pola liña de FEVE. O trazado cruza a liña de tren aproximadamente no pk 0+920 a través dun paso inferior e terá tres carrís de 3,5 metros cada un, así como beiravías de 1 metro a ambos os lados da calzada.

Para a execución da estrutura que permite o paso do acceso baixo a liña FEVE será necesario o traslado e posterior reposición a súa situación orixinal do treito de liña ferroviaria afectada. Así mesmo, é preciso un traslado definitivo dun treito de liña FEVE como consecuencia do tendido de noiros de desmonte inestables na primeira metade do novo trazado (afecta o treito de liña comprendido entre os pk 113/4 e 113/8 da liña ferroviaria).

Proxéctase, tamén, a sinalización horizontal, vertical, barreiras de seguridade e relocalización da barreira de protección de motociclistas. E iluminarase o trazado mediante unha luminaria composta por báculo dun único brazo. Ademais, proponse a colocación de luminarias no paseo peonil.

Principais modificacións
As principais modificacións introducidas respecto do proxecto orixinal implican a súa adaptación ao planeamento urbanístico, axustándose ao trazado que prevé o actual PXOM; e un menor impacto ambiental, de xeito que a actuación non eliminará as vistas ao mar debido a que irá practicamente en desmonte (no proxecto orixinal discorría en terraplén). Isto provoca, ademais, que o cruzamento coa liña de ferrocarril se realice a través dun paso inferior.

Exit mobile version