Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo para optar ós Premios INLUGO

A Deputación abre este xoves e ata o 4 de xuño o prazo de presentación de candidaturas ós Premios INLUGO. Son os galardóns que recoñecen aquelas iniciativas, persoas e organizacións da provincia que están a destacar no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías en diferentes ámbitos.

As candidaturas poden presentarse a través do formulario dispoñible en http://www.inlugo.com/premios-inlugo/. Haberá que cubrir o nome, teléfono de contacto e correo electrónico. É posible adxuntar documentos que avalen os méritos da candidatura. As categorías do certame son: Comercio, Lecer e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Social; e Tecnoloxía.

Rematado o prazo para a presentación de candidaturas (4 de xuño), un xurado formado por membros da Deputación será o encargado de valoralas e elixir ós gañadores. Os Premios INLUGO entregaranse o vindeiro 7 de xuño, no marco do #INLUGO14, como broche final ó congreso de redes de referencia en Galicia, que organiza o organismo provincial en Lugo. Os gañadores recibirán unha figura-galardón e un iPad mini de última xeración cedidos, de xeito totalmente gratuíto, pola compañía Telefónica.
Gañadores no 2013.

Esta é a segunda convocatoria dos Premios INLUGO. No 2013, presentáronse arredor de 40 candidaturas. As iniciativas galardoadas, en cinco categorías, foron as seguintes:

– Adega Vía Romana de Chantada, na categoría de Comercio, Ocio e Restauración, pola aplicación das TIC para impulsar a súa actividade vitivinícola, organización e efectividade de accións de marketing en internet, presenza en redes sociais, implantación de códigos QR e dinamización do turismo enolóxico da Ribeira Sacra. A súa web é www.viaromana.es.

– Espazo educativo El Faro de los Tres Mundos, no apartado de Educación e Formación, debido á innovación en contidos educativos para incrementar a denominada intelixencia cultural de nenos e mozos, o que implica un valor engadido para o crecemento individual como persoas, xa que supón a interiorización de valores como o respecto á diversidade, a mellora da capacidade creativa, intelectual e física, así como a adquisición de novas competencias como unha maior facultade de colaboración e traballo en equipo. Trátase dunha iniciativa única en España e parte da necesidade de mellorar o coñecemento e formación dos escolares a través da cultura asiática, “unha das culturas máis emerxentes e na vangarda do mundo máis avanzado”. Conta coa páxina web www.elfarodelostresmundos.com e o twitter @elfaro3mundos.

– Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, en Deporte e Saúde, pola súa innovadora páxina web www.coflugo.org que constitúe unha fonte de información sobre saúde fiable, profesional, dinámica e intuitiva, e que busca cubrir as necesidades e inquietudes que poidan ter os doentes de toda a provincia. O xurado valorou tamén o dinamismo do Colexio de Farmacéuticos en Twitter –@COFLugo-, onde incorporaron códigos QR ós carteis nos que mostran os calendarios das gardas das farmacias, conseguindo deste xeito que os cidadáns poidan consultar os establecementos de garda de Lugo cidade a través do teléfono.

– O tuitero co pseudónimo Lucense Enfurecido –@LucenseEnfurec– con máis de 7.200 seguidores, na categoría de Cultura e Sociedade, por contar practicamente en directo todo o que ocorre en Lugo, sen perder ningunha nova.

– Empresa Intelixencia Visual, en Tecnoloxía, por ser unha das promotoras do proxecto Una cebra en el agua, que se desenvolve dende o pasado ano en 20 centros educativos galegos e ten como obxectivo espertar novas vocacións científicas nos estudantes de Secundaria de Galicia a través do emprego dunha ferramenta pedagóxica, pioneira a nivel nacional, e o aprendizaxe experimental dentro das aulas, seguindo a corrente metodolóxica de “aprender facendo”. Conta coa web www.inteligenciavisual.com e a conta de Twitter @intelvisual.

Exit mobile version