Site icon Crónica3.com A Mariña

Acciona Ingeniería realizará o proxecto de construción do novo faro de Burela

Burela, 29 de maio de 2014. A Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao adxudicoulle á empresa Acciona Ingeniería a realización do proxecto de construción do novo faro. O orzamento é de 22.500 euros. O alcalde, José Mª González Barcia, estima que dentro de dous ou tres meses dito proxecto estará rematado. Por outra banda, hoxe comezaron os traballos de retirada do faro danado polos temporais do inverno.

O rexedor explicou que “onte mantivemos unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Vilariño, na súa sede, en Ferrol, para coñecer os pasos que se están dando para todo o que ten que ver co faro de Burela, que por culpa dos temporais acontecidos polo Antroido quedou no estado que todos coñecemos. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou nun dos últimos consellos de administración adxudicarlle a redacción do proxecto construtivo do que será o novo faro de Burela á empresa Acciona Ingeniería cun importe de 22.500 euros. Polo tanto estimo que dentro de dous ou tres meses, como moito, ese proxecto construtivo estará rematado e a partir de aí haberá que seguir dando os pasos pertinentes. A convicción da Autoridade Portuaria é facer outro faro exactamente igual que o que tiñamos”.

González Barcia tamén sinalou que “en relación cos restos do faro demolido polo temporal, no día de hoxe empezaron precisamente as actuacións tendentes á retirada dos restos da súa situación actual, na Pena Burela, para ser trasladados a terra. Non puideron comezar antes as actuacións para a retirada dos restos do faro por dúas cuestións fundamentais: por trámites administrativos e polo estado de mar. Sempre se dixo que o estado do mar vai ser determinante na duración das obras que se fagan en relación co faro. Os seus restos van ser seccionados in situ en aproximadamente unhas dez toradas, vanse retirar a terra e, a partir de aí, vanse levar a un xestor de residuos debidamente autorizado”.

Segundo indicou o alcalde burelés “a intención da Autoridade Portuaria é facer outro faro exactamente igual que o que había e nese sentido dende o Concello de Burela temos que recoñecer que dende a Autoridade Portuaria se está actuando cunha certa celeridade, o cal é de agradecer. E imos ver se dentro de dous meses podemos contar con ese proxecto construtivo do novo faro, que en todo caso a Autoridade Portuaria ten intención de consultalo antes da súa redacción definitiva tanto coa confraría como coas partes interesadas (Concello, Capitanía Marítima, etcétera) para buscar a unanimidade neste sentido, que non é nada difícil de conseguir porque na mente de todos está que o faro que se faga sexa exactamente igual que o xa existente”.

Exit mobile version