Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnado do IES Perdouro realizará o luns 12 de maio tarefas de limpeza dunha praia burelesa

Burela, 9 de maio de 2014. Un grupo de 36 alumn@s de 4º ESO e PDC do IES Perdouro realizarán o próximo luns, 12 de maio, tarefas de limpeza da praia na zona do Perdouro. Estarán acompañados das monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia e de mestres do centro. A saída está prevista ás 8.30 dende a praza do Concello de Burela.

Segundo explican desde a Concellería de Medio Ambiente “os participantes rexistrarán nunha ficha de identificación e cuantificación o lixo que recollerán, datos sobre a cantidade e o tipo de residuos que atopen durante a xornada: plásticos, metais,vidro,residuos hixiénicos-sanitarios, roupa, papel-cartón, bolsas de plástico, botellas e garrafas, envoltorios, luvas, bidóns, boias, flotadores, cintas de embalaxe, cordas, palés, caixas, nasas, anzois, botas de goma, rodas, cabichas, etc…”.

Os alumnos levarán guantes de plástico. Todo o lixo será recollido en sacos donados pola Confraría de Pescadores de Burela e posteriormente será recollido pola empresa concesionaria do servizo de limpeza, que é Celta Prix.

Pola súa participación os alumnos recibirán unha bolsa con material relacionado coa reciclaxe e coa recollida selectiva, cedida por Sogama (nela poderán atopar dípticos, lapiceros, etc..).

As monitoras de Gaia informarán ao alumnado “sobre o problema do lixo nas praias e o tempo que tardan algúns obxectos en descompoñerse (unha lata de refrescos tarda 10 anos, unha botella de plástico de 100 a 1000 anos, unha cabicha de 1 a 3 anos e unha bolsa de plástico máis de 15 anos)”.

Con esta actividade as monitoras pretenden sensibilizar ao alumando sobre a importancia de manter limpos os ecosistemas: praias e costa sen latas, plásticos e vidros. Calculase que un millón de aves e cerca de 100.000 tartarugas, ademais doutros animais mariños, morren cada ano debido á inxestión de bolsas de plástico, que bloquean os seus condutos dixestivos.

As monitoras de Gaia cren que “é unha forma de concienciar ao alumnado respecto ao medio ambiente, comprobando por eles mesmos como se atopan as praias e as costas do noso territorio”.

Exit mobile version