Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnos do IES Monte Castelo de Burela coñeceron de primeira man o funcionamento de Meteogalicia

montecastelo-meteogaliciaUn grupo de alumnos do Ciclos Superior de Saúde Ambiental do IES Monte Castelo de Burela coñeceron esta semana o funcionamento de Meteogalicia e visitaron as instalacións deste centro de predición, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Xunta de Galicia organiza este tipo de visitas a MeteoGalicia, co fin de dar a coñecer aos cidadáns, en xeral, e aos alumnos, en particular, o funcionamento deste organismo. Estas actividades divulgativas, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén consisten en conferencias e excursións a outros puntos onde hai instalacións que ofrecen datos sobre a actividade climatolóxica e que se procesan en Meteogalicia.

O obxectivo principal da visita é achegar a meteoroloxía á poboación, tanto se trate de alumnos pertencentes a centros educativos como asociacións diversas. Para iso, ademais de amosar as instalacións, os técnicos describen as tarefas habituais que realizan cada día para elaborar os prognósticos meteorolóxicos que ofrecen aos cidadáns a través da páxina web de Meteogalicia.

En primeiro lugar, os visitantes coñecen a sala de predición, onde se explican as ferramentas que se usan nas predicións diarias, e se dan coñecer unhas ideas básicas do proceso de predición meteorolóxica, facendo especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

Seguidamente, faise unha breve presentación sobre a meteoroloxía e a climatoloxía, en función da idade de cada visitante. Así, no caso dos alumnos de Primaria e Secundaria repásanse os conceptos como a diferenza entre tempo e clima, ciclo hidrolóxico, borrascas e anticiclóns, frontes, furacáns, tornados, imaxes de satélite, entre outros aspectos.

A cada nivel unha explicación
Os profesionais de Meteogalicia adecúanse ao nivel e intereses dos visitantes, de modo que se profundiza máis ou menos segundo o nivel. No caso de alumnos de Bacharelato insístese na descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento, para os universitarios ou outro tipo de grupos explícase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de MeteoGalicia, na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén se deteñen, si é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos.

Finalmente, hai unha exposición de aparellos meteorolóxicos, na que se poden ver os distintos sensores e a súa utilidade, así como se dan algunhas pinceladas sobre o traballo de observación meteorolóxica e mantemento da rede de estacións meteorolóxicas de Meteogalicia.

Exit mobile version