Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias gaba a aposta da Mariña Federación por promocionar a zona na feira Expovacaciones

070514 Presentación da campaña de A Mariña Federación en Expovacaciones (1)Barreiros, 7 de maio de 2014. A delegada territorial, Raquel Arias, gabou a aposta de A Mariña Federación por promocionar a zona na feira Expovacaciones, que se celebra esta fin de semana en Bilbao e que é unha das grandes citas do sector turístico.

Arias participou hoxe na presentación da campaña coa que a federación de comerciantes mariñá concorrerá no Bilbao Exhibition Center, no que considera “unha mostra máis do dinamismo do sector comercial da Mariña, que está fóra de toda dúbida”.

Así, subliñou que A Mariña Federación destaca “pola súa innovación á hora de crear novas fórmulas para captar o interese dos consumidores”, comezando pola materialización da unión das asociacións de comerciantes -en novembro do 2013- “que converteron a comarca nun gran centro comercial aberto”.

A delegada afirmou que estas iniciativas de promoción complementan as accións que desenvolve a Xunta de Galicia para promocionar o xeodestino A Mariña como destino diferenciado, que concentra 22 establecementos certificados coa Q de calidade.

Neste sentido, Turismo de Galicia difunde as actividades relacionadas co turismo mariñeiro, o proxecto Alma de Artesanía, o mes da Maxia… xunto con visitas imprescindibles, como as nosas praias en xeral –e As Catedrais en particular-, o Museo do Mar de Cervo, “e tantos tesouros que grazas á iniciativa de A Mariña Federación van estar moi ben representados neste gran escaparate para o turismo que será Bilbao esta fin de semana”, segundo explicou Arias.

Neste contexto, a delegada dedicou unha mención especial á Ruta Atlántica da Travesía Náutica Xacobea, que recalará no porto de Ribadeo para conmemorar o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís, “dado que A Mariña e Bilbao están unidos, entre outros factores, por un mar común e por una vía secular de peregrinación, o Camiño Norte”.

Por último, Arias quixo lembrar que o comercio “contribúe cun importante papel á recuperación económica” e que a Xunta “impulsa ese potencial” colaborando coas asociación de comerciantes en distintas iniciativas e con axudas económicas directas. Neste momento, colabora coa Federación de Comercio mariñá a través do GAC da Costa na iniciativa “Á beira do mar” para realizar obradoiros gastronómicos nos que divulgar os produtos do mar e os ecolóxicos das hortas da Mariña.

Exit mobile version