Site icon Crónica3.com A Mariña

Asinados os tres primeiros convenios de subvencións concedidas polo Concello a asociación e colectivos de Burela no 2014

Burela, 23 de maio de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, e os concelleiros de Cultura, Comercio e Servizos Sociais, Mónica Pedre, José Casas e Diana Durán, asinaron os tres primeiros convenios das subvencións concedidas a asociacións e colectivos de Burela para o presente exercicio 2014. Agora son esas asociacións as que terán que xustificar ditas subvencións para poder cobralas. A vindeira semana seguirán as sinaturas de máis convenios.

O rexedor explicou que “no día de hoxe procedemos á firma dos tres primeiros convenios que sustentan as subvencións para asociacións e colectivos de distinta índole, de carácter cultural, social, deportivo, etcétera, concedidas polo Concello de Burela para o presente exercicio 2014. En concreto asináronse os convenios da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Burela, da comisión de festas do presente ano e da Asociación de Amigos da Romaría do Monte Castelo. En total son 18.000 euros para Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Burela; 32.500 euros que aporta o Concello para a comisión de festas do presente ano e 4.500 euros para Asociación de Amigos da Romería do Monte Castelo”.

González Barcia subliña que “como se ve, desta maneira o equipo de goberno cumpre co feito público no seu día; é dicir nós vamos intentar asinar tódolos convenios durante o primeiro semestre do ano e de feito estes colectivos cos que hoxe firmamos os convenios agora xa depende deles xustificar a subvención para poder cobrar. Deste xeito creo que se demostra, unha vez máis, o compromiso do equipo de goberno do Partido Popular neste Concello de Burela de colaborar cos colectivos sociais, asociacións, clubs deportivos, entidades culturais, etcétera, para o seu sustento”.

O alcalde cre que “agora mesmo non hai ningún colectivo que poida dicir que dende o Concello de Burela non ten axuda dun xeito ou doutro. Tense demostrado no día de onte coa entrega de tres novos locais a outras tantas asociacións recen creadas no concello e nesta liña vamos continuar traballando. Xa sei que a algúns isto non lles gusta nada, pois o que desexarían é que desapareceran colectivos para culparnos a nosoutros exactamente do mesmo que eles provocaron. Tanto PSOE como BNG no seu momento retiraron subvencións a colectivos, soamente quedaban tres ou catro, e iso trouxo consigo problemas serios para algúns colectivos para poder sobrevivir. No noso caso, aínda na difícil situación económica que deixou precisamente o goberno bipartito neste Concello, o actual equipo de goberno está facendo todo o posible para conceder subvencións, de feito recuperounas e agora mesmo practicamente tódolos colectivos teñen subvención económica por parte do Concello. E, aparte diso, ofrece locais para que poidan realizar a súa actividade nas mellores condicións posibles e nesta liña vamos continuar”.

José Mª González Barcia engadiu que “na próxima semana vanse seguir firmando convenios, porque a nosa intención é que antes de que remate o mes de xuño tódolos convenios de tódalas subvencións estean asinados e que os colectivos poidan empezar a xustificar esas subvencións atendendo ao que aparece reflectido nos propios convenios, e recordo que o borrador dos convenios foi aprobado pola xunta de goberno na súa sesión da semana pasada, e poidan así recibir a achega económica do Concello canto antes”.

Exit mobile version