Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro destacou que o PP incrementa na provincia a distancia cos socialistas e suma máis votos que PSOE, BNG e AGE xuntos

Lugo, 29 de maio de 2014.- O presidente do Partido Popular de Lugo e voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, destacou este xoves que tralos últimos comicios electorais, o PP incrementou na provincia a distancia cos socialistas, ademais de sumar máis votos que PSOE, BNG e AGE xuntos.

Barreiro fixo fincapé nestes datos durante a reunión do Comité Executivo Provincial que tivo lugar esta tarde na sede do PP provincial co obxecto de facer balance dos resultados das eleccións europeas nas que o PP foi a forza máis votada ao gañar os comicios en Lugo con máis do 42% dos votos.

Dunha maneira máis concreta, o popular explicou que a súa vantaxe sobre os socialistas na provincia é de 18,8 puntos; ademais “obtivemos 4.923 votos máis que a suma de PSOE, AGE e BNG”, o que fai que “ademais de ser a forza política con maior respaldo dos lucenses, con estes resultados tamén obteríamos unha maioría absoluta”.

Ante esta análise, o popular explicou que “non se está ante un tema menor, se temos en conta por un lado o contexto socioeconómico no que se deron estas eleccións e cuxa crise obrigou ao goberno Central a tomar medidas dolorosas e pedir sacrificios moi grandes”. Por outro lado, Barreiro destacou que José Ramón Gómez Besteiro, quen preside a Deputación ademais de ser líder dos socialistas “unha vez máis volveu a perder de xeito estrepitoso as eleccións”.

O peso do PP na provincia
Así, ante os membros do Comité Executivo Provincial e do secretario do PP lucense, José Manuel Balseiro; Barreiro analizou os resultados por municipios e asegurou que se gañaran os comicios en 60 dos 67 concellos lucenses; sendo polo tanto a cuarta provincia de España con mellores resultados. Estes datos permiten facer, segundo Barreiro, unha primeira análise “satisfactoria” e máis tendo en conta que no caso de extrapolar os datos poderíase asegurar que “o PP recuperaría a Deputación e obtería ata 16 deputados”.

Os datos manifestados poñen de relevo o peso do PP na provincia. Porén, Barreiro tamén reincidiu na necesidade de facer un esforzo e detectar as causas que provocaron unha baixada de 10,4 puntos con respecto ás anteriores eleccións europeas. O popular explicou que esta baixada é debida ao descenso no censo; así como ao incremento de votos en branco e da abstención con respecto ao 2009. Porén, estes votantes, segundo matiza Barreiro, non se van a outras forzas políticas. “As forzas de esquerda na provincia de Lugo non medraron con respecto as europeas de 2009”, recalcou. “Necesitamos facer un esforzo para detectar a causa que provoca esta baixada, e saber onde fallamos”; analizou.

Agradecemento
Do mesmo xeito, José Manuel Barreiro aproveitou a ocasión para agradecer tanto o traballo desenvolvido polo membros do partido como pola confianza que unha vez máis os lucenses depositaron no PP. A maiores, explicou que a análise feita hoxe na sede provincial, realizarase por distintos puntos da provincia a través de reunións con cada un dos representantes locais “para coñecer cales son as causas que deron mellores ou peores resultados ao longo da provincia”.

Ante isto, o presidente anunciou a posta en marcha inmediata de toda a maquinaria co obxecto de conseguir a confianza maioritaria dos lucenses nas próximas municipais e recuperar deste xeito os votos daqueles que optaron pola abstención.

Exit mobile version