Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle este mércores a estrea da longametraxe ‘Muller(es) muller’ da produtora SocialDocs

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 5 de maio de 2014. Tras dous anos de traballo, a longametraxe Muller(es)Muller, da produtora galega SocialDocs, e realizado coa colaboración do Instituto da Muller poderá verse en Burela. Será o vindeiro mércores, 7 de maio, ás 20 horas na Casa da Cultura. Á proxección asistirá parte do equipo técnico que explicará detalles da súa produción. Segundo a concelleira de Muller e Igualdade, Diana Durán, “a cinta busca dar luz sobre o papel das mulleres na sociedade e na transmisión de valores e os cambios que se producen dunha xeración a outra”.

O papel das mulleres na sociedade transformouse, pero máis aló de datos estatísticos que o confirmen, a realidade sempre funciona como un potente indicador. Tres xeracións de mulleres, tres mundos, tres vidas coas súas coincidencias e discrepancias, permítennos submerxirnos nesa realidade multiforme e cambiante do que significa ser muller.

O proxecto, que requiriu case dous anos de traballo e a participación dunha vintena de profesionais, recolle a realidade de dezanove mulleres de diferentes xeracións, cunha particularidade: trátase, en cada caso, de tres xeracións da mesma familia. Seis familias de tres mulleres (catro, nun dos casos) que mostran sen tapuxos á cámara as súas visións do que é ser Muller.

O documental conta tamén coa participación de diversas escritoras, como Yolanda Castaño, Olga Novo, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Carmen Blanco e María Reimondez. O proxecto complétase cunha exposición na que as fotógrafas Alba Sotelo, Sue Rainbow, María F. Armero, Mari Vega, María Moldes e Mariola Mourelo, retrataron cada unha a unha das familias.

A cinta foi presentada hoxe polo alcalde, José Mª González Barcia, pola concelleira Diana Durán e polo produtor do documental, Domingo Díaz.

Exit mobile version