Site icon Crónica3.com A Mariña

Carta aberta do Equipo de Goberno do Concello de Burela. A Banda de Música de Burela: derradeira explicación pero coas cousas claras.

Equipo de Goberno do Concello de Burela. Burela, 21 de maio de 2014. Ante as información aparecidas nos medios informativos sobre a Banda de Música de Burela, o Equipo de Goberno do Concello de Burela quere manifestar o seguinte:

1.- A Banda de Música da localidade dependía ó cento por cento do Concello hasta decembro de 2009.

2.- Nesa data, o Grupo Municipal Popular (GMP) tivo coñecemento de que o bipartito quería transferir a xestión da Banda á recen creada Asociación de Amigos e Amigas da Banda. Nunha reunión mantida con dous representantes da mesma, un deles o actual presidente, o Sr. Arranz, se lles transmitiu a oposición a que se transferira a xestión da Banda desde o Concello á indicada asociación, porque se consideraba que a Banda tiña que seguir dependendo ó cento por cento do Concello a través da Escola de Música, proxecto no que críamos e seguimos crendo (outras persoas non poden dicir o mesmo…) e que si se volvía ó goberno municipal tentaríamos que a situación retornase ás súas orixes.

3.- No pleno celebrado o 23 de decembro de 2009, o GMP vota en contra da transferencia da xestión da Banda á Asociación de Amigos e Amigas da mesma. O acordo adoptado polo bipartito significa a concesión dunha subvención de 6.000 euros anuais á Asociación dos Amigos da Banda, que antes non se daba, máis pagar o soldo do director da mesma, que antes entraba nos gastos da Escola de Música. Primeira conclusión: a nova xestión da Banda resultará máis cara para os veciños de Burela en aproximadamente 10.000 euros ao ano.

4.- O GMP pensou sempre que había algo escuro no asunto. Algo que quedou corroborado cando se oferta o posto de director da Banda camuflado dentro dun posto de traballo da Escola de Música. Pero de tal forma camuflado, que as titulacións que se pedían só as tiña unha persoa: o actual director da Banda, o Sr. Bouza, curiosamente irmán da Sra. Bouza, que era a concelleira do bipartito que levaba a Escola de Música. A Sra. Bouza encargouse persoalmente, e nos consta, de redactar as bases de contratación e de fixar o tribunal de selección para que seu irmán fose o único aspirante ó posto de Director da Banda. Como curiosidade, indicar que a Sra. Cando era a concelleira de toda a Cultura do Concello de Burela, agá no aspecto musical, que como vemos dirixía a Sra. Bouza. Queremos deixar claro que defendemos o dereito de toda persoa a traballar e tamén o do Sr. Bouza; pero tamén queremos deixar claro que toda esta manobra leva a unha segunda conclusión: a existencia de vínculos familiares en toda esta historia é innegable.

5.- A Asociación de Amigos da Banda cobra 6.000 euros en 2009, e outros tantos en 2010. Pero resulta que se inscribe no Rexistro Municipal de Asociacións o 16 de marzo de 2011. Terceira conclusión: o bipartito abonou ilegalmente á Asociación de Amigos da Banda 12.000 euros, porque a Asociación non estaba inscrita onde tiña que estalo.

6.- Cando o PP chega de novo ó goberno municipal, o Equipo de Goberno, concretamente o alcalde e a concelleira de Cultura, manteñen non unha, senón bastantes reunións coa directiva da Asociación de Amigos e Amigas da Banda. En todo momento, o Equipo de Goberno reitera o posicionamento do GMP de 2009, e pon riba da mesa a posibilidade de que a Banda volva á súa situación orixinal, é dicir, depender ó cento por cento do concello a través da Escola de Música. A negativa da Asociación é unha constante en cada reunión.
7.- O Equipo de Goberno, en 2011, anunciou a retirada de todas as subvencións que se viñan concedendo, incluída, por suposto a da Asociación de Amigos da Banda. Non era lóxico que esta cobrase cando ningún colectivo ou asociación ía cobrar nin un só euro. Pero a Banda segue usando os locais municipais para todo o que precisa sen ningún custe engadido.

8.- En 2013, o Goberno burelés denuncia o convenio entre o Concello e a Asociación, para poñer fin a unha situación que non se encauzaba a través do diálogo. Isto foille comunicado á asociación. Nunca nos negamos a falar coa asociación (reiteramos, o que sí nos negamos foi a pregarnos ós seus desexos).

9.- Hai uns meses, e en base a informes que constan no correspondente expediente, o Concello deixa de pagar tamén ó director da Banda. Cuarta conclusión: se o Concello denuncia o convenio coa Asociación de Amigos da Banda, ten que deixar de pagarlle ó director, e realmente xa o tiña que ter feito antes, xa que de seguir pagándolle tamén tería que pagarlle a outros directores de outros colectivos musicais do noso municipio.
10.- E chegamos ás Festas Patronais 2014. Dicir que se esquece á Banda de Burela é literalmente mentira, só hai que mirar o folleto das festas. Dicir que se pretende derrubar a Banda porque a Escola Municipal de Música crea unha Banda propia é unha estupidez, porque a Escola Municipal de Música, e reiteramos que cremos neste proxecto, pode poñer en marcha as iniciativas que estime oportunas e que sexan previamente aprobadas polos seus órganos de goberno. Se a Sra. Bouza non vai ós actos das festas, alá ela… Total, para os actos ós que asiste durante a ano.

11.- No que se refire á nota da asociación, nada que dicir e só remitirnos, co máis absoluto dos respectos, ós puntos anteriores. Só engadir que cando se transfiren as xestións de algo, se transfire con todas as consecuencias. Por iso non entendemos que se pida que o Concello pague ao director, cotas de federacións, etc, e que por riba conceda de subvención 6.000 euros anuais. Porque, para qué son entón os 6.000 euros. Derradeira conclusión: se a Asociación, tal e como afirma, entende agora que a Banda de Música debe integrase na Escola Municipal de Música (de onde nunca tivo que saír), a xestión pasará á Escola Municipal de Música (de onde nunca tivo que ter saído). Para esa conclusión, o camiño debería ter sido bastante máis corto, porque resulta que nos remitimos ós puntos 2 e 6 desta longa carta. E iso xa se puido ter feito. E se non se fixo, alá cada quen cos seus intereses económicos e familiares.

Por último, indicar que esta non é nin a primeira nin a segunda explicación pública que damos sobre este asunto pero, de non haber novidades, será en todo caso a derradeira.

PD: Non queremos nin pensar que quen promove estas informacións queira tamén derrubar a Escola Municipal de Música.

Exit mobile version