Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo clausura os cursos infantís da piscina coa entrega de cartillas de nivel e xogos acuáticos

Cervo, 29 de maio de 2014- O Concello de Cervo despediu esta tarde a temporada 2013-14 dos cursos da Escola Infantil Municipal de Natación que se estiveron impartindo na piscina olímpica de Lieiro dende o mes de outubro. Unha clausura que comezou ás 17:30 horas coa entrega de cartillas ao alumnado nas que se valoran os seus avances e se avalía se cumpriron os obxectivos fixados para o seu nivel.

Unhas cartillas nas que os pequenos poden ver de forma moi clara os seus progresos na natación xa que cada nivel está asimilado a un animal acuático (cangrexo, pato, tartaruga, foca, delfín e tiburón). Con elas a delegación de Deportes pretende “motivar aos nenos a aprender e mellorar así como a esforzarse para conseguir uns obxectivos marcados” asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que estivo presente na entrega de cartillas xunto aos monitores dos cursos e os nenos participantes.

Da mesma maneira, o Concello quixo despedir a temporada con diversión, ofrecendo xogos na auga. O rexedor felicitou a todos os nenos e nenas “por demostrar implicación e interese por practicar deporte ao longo do ano”.

O Concello clausura hoxe os cursos infantís con este acto, pero hai que ter en conta que rematan todos os cursos da piscina. Polo tanto, ponse fin a unha temporada na que se ofreceron actividades para todas as idades, dende os cursos para bebés, pasando polos cinco niveis da Escola Infantil Municipal de Natación, os cursos de iniciación e perfeccionamento para adultos e aquagim.

Unha oferta na que participaron unhas 145 persoas, das cales 70 eran nenos e nenas. Dende a administración local pretenden seguir ofrecendo estas actividades como forma de “fomentar o uso da piscina e a práctica de deporte ao mesmo tempo e, así, seguir incrementando o número de socios e de usuarios” remata o mandatario cervense.

Exit mobile version