Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo ofrece un Curso de surf para a xuventude os días 24 e 31 de maio

curso_surfCervo, 22 de maio de 2014.- O Concello de Cervo organizou un Curso de Surf que se vai desenvolver os sábados 24 e 31 de maio (16:00 horas) na praia do Torno. A administración local deu hoxe a coñecer os detalles desta actividade que pon en marcha o departamento de Xuventude e dirixida a mozos e mozas a partir de 12 anos.

Un curso co que o Concello pretende “fomentar a práctica de deportes que se adapten aos gustos e necesidades da mocidade” asegura a edil de Xuventude, Yolanda Pedreira, que participou na presentación xunto co alcalde, Alfonso Villares, e Evaristo Blanco, un dos profesores de Limosa Surf School que xunto con Nano Fra impartirá o curso.

Pedreira explica que o surf é un deporte náutico con moitos seguidores e participación no municipio, pero que aínda pode ter máis capacidade de convocatoria. Por iso, con este curso “todas as persoas con curiosidade ou interese polo mundo do surf poderán iniciarse e ter as súas primeiras experiencias”.

Neste sentido, o curso está pensado especialmente para mozos que queiran iniciarse, pero tamén poden acudir persoas que queiran mellorar a súa destreza coa táboa ou aprender nocións sobre surf. No curso facilitaráselles todo o material que precisan para a actividade.

A edil destaca que os asistentes estarán acompañados por dous profesores con moita experiencia na práctica e ensinanza deste deporte, que ao mesmo tempo son membros do Club Limosa Surf, co que o Concello traballa habitualmente na posta en marcha de actividades para contribuír a que a mocidade teña diferentes opcións para o seu tempo de lecer.

Exit mobile version