Site icon Crónica3.com A Mariña

A VII Feira do Gando de Cervo inclúe carreiras de cabalos e burros, paseos infantís e 1.300 euros en premios

feira_gandoCervo, 1 de maio de 2014- O Concello de Cervo deu a coñecer este xoves o cartel e o programa da VII Feira do Gando que se celebra este domingo na Venta “O Guioncho”. Unha presentación que tivo lugar no mesmo punto onde se desenvolverá a feira esta fin de semana e á que asistiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, o presidente da asociación Cabaleiros do Xunco, Julián Otero e outros representantes da entidade, que é a encargada de organizar un evento no que colabora o Concello.

Unha cita que arrincará ás 8 h. coa compra-venda de gando. A esa hora tamén se abrirá a inscrición para as distintas actividades, e que se pechará ás 12 h. Unha delas son os paseos en carro de cabalos e de montura gratuítos para o público infantil, nos que poderán participar de 11:30 a 12:30 h. e de 15 a 16 h.

A partir das 17 h. darán comezo as diferentes competicións. A primeira será a marcha de trotóns para cabalos, seguida da carreira de cabalos cruzados e do país a partir das 18 h. e a carreira de burros ás 19 h. Unhas espectaculares competicións que adoitan ser un dos maiores atractivos desta feira, xunto coas actividades para nenos e nenas, que lles permiten achegarse ao gando cabalar de forma segura e supervisada por adultos.

1.300 euros en premios
Unha vez rematadas as probas, terá lugar a entrega de premios, a partir das 20 horas. En total, repartiranse 1.300 euros en numerosas categorías. Así, haberá premios ao maior número de cabezas vacúas e equinas, ao mellor exemplar de tenreiro e de cabalo, aos tres primeiros clasificados na marcha de trotóns, na carreira de cabalos cruzados, na de cabalos do país e na de burros. Ao mesmo tempo haberá un sorteo de 300 euros entre todos os asistentes que merquen as rifas que se porán á venda ao longo da xornada.

O edil de Zona Rural destacou “a importante labor levada a cabo pola asociación Cabaleiros do Xunco na recuperación da antiga feira do gando que se deixou de celebrar hai anos e que esta entidade conseguiu revivir con moito traballo, e coa que por suposto quixemos contribuír e colaborar”.

Exit mobile version