Site icon Crónica3.com A Mariña

Concerto de percusión en Ribadeo con catro sopranos da Coral Polifónica

percusionOs alumnos de percusión do Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA), a ribadense Irene Rodríguez acompañada de Noé Rodrigo, Sergio Astasio, Miguel Ángel López e Francisco Sánchez presentan un concerto orientado a todo tipo de público, na liña desenvolvida tanto na didáctica en colexios como en actuacións abertas coma os concertos no Instituto Aragonés de Cultura Contemporánea IAACC de Zaragoza, na antigua estación de ferrocarril de Canfranc, en FIP Pirineos 2013, FIP Zaragoza 2012, no Festival Tamborixar de Hijar-Teruel e, o último, na sala principal do Auditorio de Zaragoza o pasado abril.

O grupo está formado por dous solistas e o trío xa consolidado “Fudo Percussion Trio” e, nesta ocasión, contarán coa colaboración de catro sopranos da Coral Polifónica de Ribadeo, para unha das obras que interpretan.

Nesta ocasión ofrecen unha viaxe a través da evolución que sufriu a percusión nas últimas décadas, con obras de diferentes estilos que abarcan dende o minimalismo, a obras de marimba solista e ensemble, pasando polos parches e as láminas, e amosando o complexo e fascinante mundo deste xénero.

O concerto do ciclo de ‘Músicas Posíbeis’ terá lugar no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo o sábado 31 de maio ás 20.00 horas cun prezo da entrada de 2 euros.

Exit mobile version