Site icon Crónica3.com A Mariña

Coñecida a sentenza do acordo do Valadouro, os socialistas esixen ao PP unha rectificación pública e pídenlle a Balseiro que “enmende esta situación intolerable”

A MARIÑA, 28 DE MAIO DE 2014.- Os socialistas, logo de que o xuíz considerase xuridicamente indiferente o acordo económico de O Valadouro, demostrándose así que este foi un proceso “democrático e axustado á legalidade”, esixen ao Partido Popular unha rectificación pública e pídenlle ao deputado autonómico e presidente do PP de Lugo -José Manuel Balseiro- que “enmende esta situación intolerable”. Ante o suceder dos feitos, pregúntanse “como se pode ter unha carta tan dura?”. Está claro, engaden, que “o único que perseguían era enturbiar un proceso no que se actuou con luz e taquígrafos”.

“É obvio quen foi o que intentou xogar sucio. É por este motivo, polo que esiximos aos integrantes do PP que se desculpen pública, clara e contundentemente. Unha cousa é o debate político e outra é intentar dar a entender que houbo intereses espurios no acordo de goberno”, defende o rexedor municipal.

Por este motivo, Edmundo Maseda lamenta que, unha vez máis, o que se pon de relevo é que o PP, o que fai é antepoñer os intereses do Partido aos dos veciños. “O que teñen que facer o Sr. Balseiro e compañía é poñerse a traballar polos cidadáns desta comarca e deixarse de intentar manchar o traballo dos concellos que teñen na alcaldía a un socialista”, destaca.

O PP, xa foi obrigado a pagar as costas
Esta non é a primeira vez que a Xustiza lle dá a razón ao Goberno local, pois, con anterioridade a esta sentenza, o Partido Popular tamén foi obrigado polo Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo a pagar as costas do proceso xudicial, no que solicitou como medida cautelar que non se celebrase o Pleno de toma de posesión do novo alcalde do Concello do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda. Deste xeito, e segundo este auto, o xuíz posicionouse a favor do Executivo municipal ao determinar que non houbo ningún motivo xustificado para suspender a convocatoria da sesión plenaria, celebrada o pasado 6 de xuño, e que a petición dos populares estaba “totalmente fóra de lugar”, detectando graves defectos no procedemento que formularon. O xulgado impúxolles ademais as custas do proceso, que suman uns 700 euros.

Exit mobile version