Site icon Crónica3.com A Mariña

Cousa de médicos

O médico é o divo do hospital. Ao longo da historia, a medicina foi acumulando prestixio e un certo halo de divinidade. A causa é evidente: é o que nos cura os males, o suxeito ao que poñemos en bandexa as nosas vidas, esperando que nos alivie. Isto deulle unha posición moi destacada na sociedade. Ser médico era motivo case de veneración. Só por ter o título xa era suficiente para ser respectado e admirado. O médico do pobo era unha das forzas vivas, xunto co cura e parexo o comandante da garda civil, e moi por encima do alcalde e o cacique.

Efectivamente, nos médicos hai que confiar, porque eles teñen coñecementos dos que os demais carecemos, e coñecementos que resultan vitais para o noso mantemento na vida. É lóxico que sexan xente importante para a comunidade, malia que sempre chega un punto no que son incapaces de facer valer a súa sabedoría.

Na actualidade as cousas están cambiando. A democratización progresiva e crecente do acceso á información e ao coñecemento fai que todos nos creamos que sabemos de todo. E o mesmo ocorre coa sabedoría médica. E o que ocorre é que os pacientes chegan á consulta crendo saber máis que o médico.

-Que lle pasa?
-Que teño gripe.
-Perdoe, señora, pero iso téñoo que decidir eu.

Este diálogo é real. E a seguinte frase tamén:

-Eu sé tanto como vostede, vin todos os capítulos de Urxencias.

Como resultado, a figura do médico vai perdendo o seu aura case mística, e convértese nun técnico máis. En parte é culpa das novas formas sociais. Pero tamén é culpa deles mesmos.. A medicina actual está demasiado envorcada nas probas, nos métodos de diagnóstico, deixando de lado aquilo do ollo clínico e o diagnóstico baseado nos síntomas ,que aportaba riqueza á medicina, posto que os síntomas son subxetivos, sendo o labor médico unha relación intersubxetiva, mentres que agora trátase de suxeitos que se enfrontan a obxectos de forma mediada, a atravésde outros obxectos). Este abandonarse ás probas diagnósticas encarece o exercicio da medicina, facendo que os médicos sexan de cada vez máis dependentes de cuestións de márquetin e de criterios comerciais de custo-beneficio. E claro, así se converten nunha peza máis, á mesma altura que o fruteiro, o dependente, ou un servidor mesmo. O resultado é o da perda de respecto por parte do público.

Pero o peso da tradición é moi grave, e eles seguen actuando como divos, coma se o mundo tivese que pararse ao seu paso. Cando o médico fala, todo fillo de veciño ten que calarse para atender ás súas sabias parolas. Hai niso un certo desaxuste, porque eles seguen subidos no seu pedestal, sen querer darse conta de que o chan subiu ata o seu nivel e eles agacháronse tamén.

Non suscito un retorno ao anterior, pero si un reaxuste da situación, que está un pouco alterada. Tanto que ás veces chegase a situacións ridículas.

Exit mobile version