Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Enredando, artesanía na escola’ inicia en Cervo un percorrido por catro centros da Mariña

Cervo, 7 de maio de 2014.- O proxecto Enredando, artesanía na escola, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, iniciou hoxe no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Cervo a súa nova andaina pola provincia de Lugo.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou este mércores nesta sesión inicial do proxecto e, xunto cos alumnos de Infantil e Primaria, puido disfrutar de actividades orientadas para desenvolver o proceso para a obtención da seda, desde a cría dos vermes ata a extracción desta para a elaboración do fío.

Arias, que estivo acompañada pola concelleira de Educación, Pilar Armada, indicou que esta cuarta edición de Enredando, artesanía na escola centrarase ata final de curso na primeira fase da unidade didáctica O gremio da seda.

Preto de 3.000 alumnos de toda a provincia participaron nas tres edicións anteriores da campaña, que ao longo das vindeiras semanas chegará tamén ao CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), CEIP Lois Tobío (Viveiro) e CEIP Nº1 de Foz.

Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria son “concienciar a sociedade do valor do produto feito á man, así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral”, expuxo a delegada.

Neste sentido, Arias considerou que a través deste programa actúase tamén “para atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais, promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición”.

Contribúese así, valorou a delegada, á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia, que se vén de poñer en marcha co obxectivo de conseguir un sector artesán “sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega”, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento autóctono.

Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria.

Exit mobile version