Site icon Crónica3.com A Mariña

Adxudicadas as obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo que darán comezo en xuño

Ribadeo, 23 de maio de 2014. Na pleno ordinario celebrado este xoves aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e UPRI e a abstención do PP adxudicarlle á UTE Anllar e MDE as obras de construción da residencia de maiores de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que as obras dean comezo o vindeiro mes de xuño. Tamén se aprobou cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e os votos en contra de UPRI a ordenanza do prezo público por utilización dos servizos e aseos da praia das Catedrais.

O rexedor contou que “o asunto máis importante foi a aprobación da adxudicación das obras de construción do centro de atención a persoas maiores a esta UTE conformada pola empresa Anllar e MDE, á vista de todas as garantías e de todos os avais que esta unión temporal de empresas depositou na forma convida e correctamente”. Suárez Barcia conta que “para o vindeiro mes de xuño esas obras poidan dar comezo despois de pasar os días previstos para as notificacións, sinatura de contrato, etc. Penso que é unha moi boa noticia para as veciñas e para os veciños de Ribadeo ver como paso a paso isto vai sendo unha realidade, a pesares dos paus nas rodas que outras institucións nos están a poñer e de facer o posible para non darnos nada. Pero con todo, coa determinación dos votos de toda a Corporación, duns máis que doutros, dado que votamos a favor BNG, PSOE e UPRI coa abstención en positivo, segundo eles, do PP, pero en definitiva abstención”.

O alcalde ribadense tamén se referiu á ordenanza do prezo público por utilización dos servizos e aseos da praia das Catedrais: “tentaremos que estea operativa para este verán. Non é para sacar unha grande cantidade de diñeiro, pero sí para tratar de recuperar parte do gasto que se realizará en atender moi ben eses servizos, que reciben a tantos centos e centos usuarios a diario. Queremos que eses aseos estean nunhas perfectas condicións durante todas as horas que estarán abertos, para que os turistas leven unha boa imaxe tanto da praia coma dos seus servizos”. Esta ordenanza foi aprobada cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e os votos en contra de UPRI.

Na sesión plenaria de onte tamén se aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito “que ten que ver con esas facturas que entran en ano posterior. Non é un asunto imputable ao Concello de Ribadeo, senón que algúns provedores en lugar de aportar as facturas aínda que sexa no último día do ano en cuestión pois envíanas nos primeiros días do ano seguinte. Entón hai que facer unha operación contable con cargo ao remanentes, ao positivo que nos quedou sen gastar. A día de hoxe temos practicamente ao día os pagos a provedores. É algo inédito tanto cualitativa como cuantitativamente comparado con calquera outro período histórico do Concello de Ribadeo”.

Mocións
O pleno do Concello aprobou por unanimidade unha moción do PSOE sobre a retirada do anteproxecto da lei orgánica do poder xudicial “e máxime se temos en conta que Ribadeo levaba anos loitando por un xulgado de primeira instancia e agora resulta que Ribadeo está loitando, xunto con outros Concellos da Mariña, para que non leven o de Mondoñedo e para non desapegar máis dos cidadáns os servizos da xustiza”, engadiu o rexedor.

Fernando Suárez explicou tamén que “o Concello pleno non aceptou unha proposta que de maneira urxente, sen debate e sen información ao resto dos grupos, pretendía presentar o Partido Popular, relativa á estrada da Deputación que vai polas Catedrais, pedindo que se amañara antes do verán. É algo que parece unha cuestión electoralista, porque o domingo hai eleccións, pois a ninguén se lle pode ocorrer que de aquí ao verán, dentro de 15 días, se poida desdobrar esa estrada ou se poidan facer obras de certa envergadura nela. Parece un pouco oportunista esta proposta e ademais peca do mal que ten padecido este lugar; é dicir, parcheo, improvisación, solucións a curto prazo e totalmente desarticuladas do resto de medidas que hai que adoptar para esta praia, o seu entorno, os seus aparcamentos, os seus accesos, que teñen que ver co diálogo de todas as administracións, singularmente da Xunta, que é a que ten as competencias no ámbito do territorio, pero tamén do Ministerio, da Deputación e, como non, do Concello”. O rexedor dixo: “eu non sei se o problema é que o presidente da Xunta se nega a vir a debater no Concello de Ribadeo, pero a nosoutros non nos importaría ir a San Caetano. E, se tampouco lle gusta, poderíamos reunirnos todos na baixamar no propio areal das Catedrais para entre todos trazar unha idea de conservación deste espazo natural. E non con estas solucións que formula o PP a última hora para botarlle a culpa de todos os males á Deputación, que penso que con Ribadeo non se está portando mal. Somos os primeiros en demandarlle cando temos que facelo, pero parécenos que non ten absolutamente ningún fundamento presentar isto neste momento”.

Exit mobile version