Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez asegura que “non temos constancia de que ningún técnico estea imputado en nada porque nunca se requiriu nada ao Concello de Ribadeo”

Ribadeo, 29 de maio de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, descoñece a información que este xoves publica un xornal e na que se asegura que o sumario da Pokemon revela que Aquagest invitou ao Camp Nou a dous técnicos do Concello ribadense.

O rexedor dixo: “a respecto desta noticia que hoxe publica un medio de comunicación, desde o Concello e pola miña parte dicir o total descoñecemento máis aló do que pon a prensa sobre este particular. Non temos constancia da realidade de que ningún técnico estea imputado en nada, nin técnicos nin ningunha persoa deste Concello, dado que nunca se requeriu nada ao Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia sinala que “si hai algo penal dalgunha actuación suponse que a xustiza actuará dado que o Concello non ten medios nin ten a capacidade para investigar accións en materia penal. En todo caso si deste trámite diante da xustiza resultara algo que aínda non sendo penal sí fose reprobable administrativamente, como non pode ser doutro xeito, desde o Concello tomaríanse as medidas disciplinarias ou doutro tipo que fosen precisas a través dos oportunos expedientes administrativos”.

O alcalde engadiu: “e senón o que pode resultar é que só puidera ser por descoñecemento ou de modo irreflexivo sen pensar nas implicacións que isto podería ter na opinión pública ou para o Concello e neste caso cabería un reproche moral na súa conduta”.

Exit mobile version