Site icon Crónica3.com A Mariña

Fuente Parga asegura que “os 150.000 euros que o Concello de Barreiros aforrará en amortizar o préstamos de pago a provedores modificado se destinarán a realizar diversos investimentos”

Barreiros, 27 de maio de 2014. Na sesión plenaria celebrada onte no Concello barreirense foi aprobada unha modificación do préstamo do plan de pago a provedores, que pasa de 10 a 20 anos. Tamén inclúe unha baixada dos tipos de interese máis a ampliación don dous anos de carencia. O alcalde, Alfonso Fuente, manifestou que “a calquera que lle ofrezan esas condicións firmaría a modificación cos ollos pechados”. E criticou a falla de apoio de BNG e PSOE.

O rexedor explicou que “no pleno de onte en Barreiros levábamos a modificación do préstamo do plan de pago a provedores para pasalo de dez anos a vinte. Xa só por ese feito e sumado á baixada de tipos de interese máis a ampliación con dous anos de carencia, cambiando as condicións nese sentido, eu creo que calquera cidadán que teña un préstamo que de repente lle digan que llo amplían o dobre de prazo, que lle baixan o tipo de interese e que lle amplían a carencia firmaríao cos ollos pechados. Neste caso os únicos que non o ven parece que son o Bloque Nacionalista Galego nin o Partido Socialista, que votaron en contra. Pero eu creo que cando estamos a falar de que se tíñamos que destinar no ano 2015 de 300.000 euros para amortizar o préstamo e agora vamos ter que utilizar 150.000 isto quere dicir que os outros 150.000 euros que nos quedan van servir para novos investimentos no noso concello”.

Fuente Parga sinalou que “ao mellor non foi acertado convocar ese pleno de onte despois da xornada electoral do domingo, porque eu creo que o Bloque Nacionalista Galego aínda estaba pensando máis nos resultados do domingo que no propio pleno. E eu creo que quen non vía as cousas era a portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Ermida, que é a responsable comarcal do Bloque na Mariña, que terá que analizar tamén os resultados porque dende que ela é responsable do BNG non fai máis que baixar. Tamén baixou o Partido Popular e os seus responsables tamén están analizando evidentemente estes resultados. Pero, como alcalde de Barreiros, a min o que me compete é mirar o ben para os veciños do municipio e non os resultados electorais”.

Para o rexedor barreirense “cando non se propón nin unha soa suba de impostos, cando este Concello nos anos 2013 e 2014 non subiu os impostos, dicir que os vai subir estes anos esa é demagoxia pura e dura. Porque evidentemente a partir de 2015, cando temos convocatoria electoral, se hai un cambio de goberno neste Concello xa saben o que teñen que facer. Polo tanto, cando está a dicir que durante 18 anos o alcalde está hipotecando ou subindo os impostos xa estarán pensando en que nunca van gobernar en Barreiros, polo menos nestes vindeiros 18 anos”.

Alfonso Fuente cre que “é a mellor opción para o noso Concello. Isto evidentemente xurde do Goberno do Estado, que precisamente cando se está vendo que Concellos como o de Barreiros e de toda España están a cumprir, están rebaixando a débeda, o Goberno ve que este país está indo a mellor e polo tanto o que fai é baixar esa carga, esa presión a tódolos Concellos, dándonos o dobre de prazo para amortizar eses préstamos. Este plan é bo, a medida que nos formulou o Ministerio é correcta e evidentemente así a aprobamos e así se vai levar a cabo. Estas cousas, como sempre, co paso do tempo vanse ver. Verase como esta diferenza de investimento afectará ás estradas e a outros servizos que se prestan no concello de Barreiros, que día a día se van mellorando”.

Exit mobile version